- Coa entrega de 20 novos recipientes, serán 154 as familias burelesas incorporadas de facto a unha iniciativa con importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
- Os usuarios recibirán un manual didáctico proporcionado por Sogama no que se detallan os pasos a seguir para obter un bo compost.
- Persoal ao servizo do concello será o encargado de facer un seguimento do programa para comprobar a correcta aplicación da técnica e solventar posibles incidencias.
Cerceda, a 26 de febreiro de 2019.- O programa de compostaxe doméstica implantado no seu momento no municipio lucense de Burela co apoio de Sogama continúa en fase de ampliación. A Sociedade pública, a petición do concello, entregou unha nova partida de 20 compostadores (de 350 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables) que, unidos aos fornecidos en fases anteriores, fan un total de 154.
Desta forma, 154 familias burelesas xa están incorporadas de facto a unha iniciativa coa que o ente local espera alcanzar importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Tendo en conta que o 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo está conformada por materia orgánica, se esta se recupera no propio fogar, evítase o seu depósito no contedor verde convencional destinado a acoller a bolsa negra, circunstancia que propicia unha redución da frecuencia de recollida e transporte por parte dos servizos municipais e, xa que logo, das emisións de CO2 á atmosfera.
Tamén se entregarán menos residuos a Sogama, véndose diminuído o importe a pagar á empresa, coa particularidade de que, ao elaborar o propio compost in situ, evítase igualmente a compra de fertilizantes artificiais, obtendo un abono natural de extraordinaria calidade e con elevado contido en nutrientes para o solo.
Dado que se trata dun técnica que require formación e supervisión, persoal ao servizo do concello realizará un seguimento do labor efectuado polas familias participantes nesta iniciativa a fin de solventar dúbidas e resolver posibles erros.
Os novos usuarios, do mesmo xeito que os anteriores, disporán dun manual didáctico de apoio, proporcionado por Sogama, no que se detallan os pasos a seguir para conseguir un bo compost, prestando especial atención a parámetros claves tales como o osíxeno, a humidade e a temperatura, despexando as dúbidas máis frecuentes.
Adicionalmente, a compañía dispón dunha páxina web específica na que os interesados poderán atopar diversos recursos tales como vídeos, xogos e ata contidos formativos online correspondentes a un proxecto europeo de cooperación transfronteiriza “Res2ValHum”, incluído á súa vez no programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 no que participa Sogama e cuxo obxecto é poñer en valor a materia orgánica e evitar o seu vertido.
Toda a información en www.compostaconsogama.gal
Saúdos, Departamento de Comunicación