- O proxecto Lionsf2Life, no que participa Ecopilas, ten por obxecto acondicionar este tipo de baterías para distintas aplicacións, como é o caso de sistemas de almacenamento de enerxía en vivendas con paneis solares ou de excedentes de enerxía solar dun campo fotovoltaico en instalacións industriais.
- Malia que o fluxo de residuos deste tipo de baterías aínda é escaso en España, o certo é que, segundo datos de Ecopilas, está a rexistrar un crecemento exponencial nos últimos anos, cun incremento do 58% sobre 2018.
Cerceda, a 22 de xullo de 2020.- Debido ao auxe dos vehículos eléctricos, estanse buscando alternativas para a reutilización de baterías de patinetes, bicicletas e motos eléctricas.
Neste marco emerxe o proxecto Lionsf2Life, que ten por obxecto acondicionar este tipo de baterías para distintas aplicacións, como é o caso de sistemas de almacenamento de enerxía en vivendas con paneis solares ou de excedentes de enerxía solar dun campo fotovoltaico en instalacións industriais. Así mesmo, cuantificará o tamaño potencial deste mercado de reutilización no noso país a partir do volume de baterías refugadas anualmente e as necesidades de almacenamento de enerxía.
Lionsf2Life conta coa participación de Ecopilas, fundación medioambiental administrada por Recyclia, que se encargará de proporcionar baterías de litio aos socios do proxecto, aos que tamén porá en contacto cos fabricantes e asesorará sobre a evolución do mercado da mobilidade eléctrica, así como na xestión e fluxos deste tipo de residuos.
Malia que o fluxo de residuos deste tipo de baterías aínda é escaso en España, o certo é que, segundo datos de Ecopilas, está a rexistrar un crecemento exponencial nos últimos anos. En concreto, a fundación xestionou 21.957 quilos de baterías de bicicletas e motos eléctricas en 2019, un 58% máis que no ano anterior, destacando o incremento, nun 252%, das primeiras ao pasar dos 2.954 quilos en 2018 a 10.391.
Para facilitar a recollida destes refugallos, desde 2013 Ecopilas dispón dunha operativa específica rexida pola seguridade no transporte e a preparación para a súa reutilización ou a súa reciclaxe. Ademais, no caso das baterías de vehículos de mobilidade persoal, subscribiu acordos con entidades do sector como a Asociación de Marcas e Bicicletas de España (AMBE) que garante aos fabricantes a xestión das baterías en desuso.
Promovido polo centro de innovación EIT Climate-KIC, o proxecto Lions2Life conta coa participación da Universidade Politécnica de Valencia, os fabricantes de baterías Albufera Energy e Fibernova, e Sustainable Towns, entre outros.
Terá unha duración de 18 meses e prevé entregar a primeira batería reutilizable a Sustainable Towns a finais de ano para sometela a probas nas súas instalacións do centro de innovación A Pinada Lab.
Fonte: Residuos profesional
Imaxe: Pixabay