- Baixo o lema “Planeta oceánico: as correntes están a cambiar”, hoxe conmemórase o Día Mundial dos Océanos, enxalzando a importancia que estes teñen para a vida
- Producen alomenos o 50% do osíxeno que precisamos e absorben ao redor do 30% do dióxido de carbono, sendo tamén fonte de alimentos, medicinas e dunha importante actividade económica
- Os residuos que acaban no mar orixinan un grave problema de contaminación que pon en perigo a vida mariña. Os expertos advirten que, de non tomar medidas, en 2050 haberá máis plástico que peixes no mar
Cerceda, a 8 de xuño de 2023.- Baixo o lema “Planeta oceánico: as correntes están a cambiar”, hoxe conmemórase o Día Mundial dos Océanos, unha xornada coa que se pretende enxalzar a importancia que estes teñen para a vida, toda vez que son os pulmóns do noso planeta, ademais de fonte importante de alimentos e parte fundamental da biosfera.
Non en van, o océano cobre máis do 70% do planeta, produce alomenos o 50% do osíxeno que precisamos e absorbe ao redor do 30% do dióxido de carbono producido polos humanos, amortecendo os impactos do quecemento global. A nosa choiva, a auga potable, o tempo, o clima, os litorais e gran parte da nosa comida proporciónaos e regúlaos o mar.
Así mesmo, resulta crave a súa contribución á economía, xa que, grazas á pesca, o comercio, o transporte ou o turismo, supón o sustento de máis de 3.000 millóns de persoas en todo o mundo, estimando que, para 2030, haberá ao redor de 40 millóns de traballadores en todo o sector.
Non obstante, e malia todos os seus beneficios, o océano necesita máis apoio que nunca. Co 90% das grandes especies marítimas de peixes mermadas e o 50% dos arrecifes de coral destruídos, estamos a extraer máis do océano do que se pode repoñer. É por isto que a ONU apela á necesidade de traballar xuntos para crear un novo equilibrio no que non esgotemos todo o que o mar nos ofrece, senón que restauremos a súa vitalidade e lle devolvamos unha nova vida.
Neste sentido, a Década dos Océanos das Nacións Unidas 2021-2030, constitúe un instrumento de apoio aos esforzos por investir o ciclo de deterioro da saúde dos océanos a través da ciencia e a investigación. “O que logremos ou deixemos de lograr durante esta década terá consecuencias de longo alcance para o ‘pulmón azul’ do noso planeta” (Audrey Azoulay, Director Xeral da UNESCO).
O gran vertedoiro da humanidade
O 80% dos residuos que atopamos no mar ten a súa orixe en terra, mentres que o 20% restante procede da actividade marítima. Cada segundo máis de 200 quilos de lixo van parar aos océanos.
Debido á contaminación da auga, ata un 30% dos peixes teñen inxerido plástico nalgún momento do seu ciclo vital e ata un 65% das baleas puideron sufrir algún atrapamento, ocasionando a morte para o 20%. Tamén se acharon plásticos ata nun 11% das focas do mar do norte.
Hai tantos residuos no mar, que mesmo se formaron illas de lixo xigantes. Hai cinco en todo o mundo, e a máis grande -o Gran Parche de Lixo do Pacífico- inclúe aproximadamente 1,8 billóns de pezas de refugallos, cubrindo unha área dúas veces o tamaño de España e Portugal xuntas.
Os expertos advirten que, de non tomar medidas, en 2050 haberá máis plástico que peixes nos mares e océanos.
Fonte: ONU