- Logo de formalizar o convenio de adhesión á planta de compostaxe de Sogama en Cerceda, o Concello efectuou a primeira entrega o pasado 20 de abril
- Tras a correspondente caracterización, o 97,63% dos residuos catalogáronse como orgánicos e asimilables, é dicir, “propios”, mentres que o 2,37% restante correspondía a “impropios”
- Sogama cualifica de “sobresaliente” a calidade do material entregado por Cabana e confía en que a implicación cidadá vaia aínda a máis
Cerceda, a 1 de maio de 2022.- O Concello de Cabana de Bergantiños (A Coruña) estréase con éxito na recollida selectiva da materia orgánica a través do quinto contedor, de cor marrón.
Logo de formalizar o convenio de adhesión á planta de compostaxe industrial de Sogama, sita en Cerceda, o pasado 20 de abril efectuou a primeira entrega nesta instalación, procedendo a empresa pública á caracterización do refugallos recibidos a fin de comprobar a calidade dos mesmos. Esta primeira proba foi superada con nota, xa que o 97,63% correspondía á fracción orgánica e asimilable, é dicir, “propios”, e unicamente o 2,37% á inorgánica ou “impropios”, isto é, materiais que, dada a súa natureza, deberían ter sido depositados noutros contedores de recollida selectiva.
Desta forma, Cabana súmase aos excelentes resultados obtidos por outros concellos que utilizan os servizos da planta de Sogama, como son Carballo, Laracha, Santa Comba e Cerceda.
A empresa pública móstrase convencida de que esta primeira avaliación, que podería cualificarse de “sobresaliente”, servirá de incentivo para que a veciñanza de Cabana se implique aínda máis na segregación dos residuos en orixe e correcto depósito dos mesmos nos contedores correspondentes, garantindo, no caso da fracción orgánica, a súa posterior transformación de compost, un fertilizante natural de alta de calidade para o sector da agricultura e xardinería.
É preciso lembrar que a Lei galega de residuos, seguindo fielmente as directrices europeas, contempla o 31 de decembro de 2023 como data límite para que os concellos, que son os que teñen as competencias na xestión dos residuos municipais, implanten a recollida diferenciada da materia orgánica a través do contedor marrón. Con todo, a nova Lei estatal de residuos e solos contaminados para unha economía circular, que entrou en vigor o pasado 10 de abril, unicamente dá de prazo ata o próximo 30 de xuño para os concellos cunha poboación superior a 5.000 habitantes.
TECENDO UNHA REDE DE INFRAESTRUTURAS
A fin de axudar aos entes locais a cumprir cos seus deberes legais, a Xunta deseñou unha rede de infraestruturas para a valorización da materia orgánica que se encargará de executar Sogama e á que destinará investimento de 40 millóns de euros.
Esta rede estará conformada por un total de 17 instalacións (4 plantas de biorresiduos, unha por provincia: Cerceda -xa en funcionamento-; Cervo, en Lugo; Vilanova de Arousa, en Pontevedra; e Verín, en Ourense, así como 13 plantas de transferencia ás que se dotará cunha tolva específica para o transvasamento da materia orgánica). O obxectivo último é que a práctica totalidade dos concellos adheridos a Sogama (295 en total) dispoñan dunha planta destas características a menos de 50 quilómetros de distancia.
Saúdos, Departamento de Comunicación