- Así se deduce da caracterización de residuos realizada no marco da campaña de ciencia cidadá ‘1m2 polas praias e os mares’, organizada polo Proxecto LIBERA.
- As pezas de plástico de menos de 2,5 cm e as toalliñas húmidas foron outros dos refugallos máis atopados nesta edición.
- Esta iniciativa mobilizou a máis de 6.000 persoas voluntarias para caracterizar e liberar de lixo as praias de España.
Cerceda, a 27 de setembro de 2022.- Desde o sábado 17 de setembro -coincidindo co Día Internacional de Limpeza de Praias-, ata o domingo 25, máis de 6.000 persoas voluntarias participaron na sexta edición da campaña de ciencia cidadá ‘1m2 polas praias e os mares’, organizada polo Proxecto LIBERA, de SEO/BirdLife en alianza con Ecoembes.
No marco desta iniciativa retiráronse 7,1 toneladas de residuos abandonados nun total de 279 puntos repartidos por todo o país a fin de coñecer a tipoloxía de materiais que compoñen o lixo, analizar os efectos e as consecuencias nos espazos naturais e sensibilizar sobre esta problemática.
A campaña contou coa participación de distintas organizacións, entre elas a Rede de Vixiantes Mariños, promovida pola ONG Oceánidas e a Federación Española de Actividades Subacuáticas (FEDAS), que mobilizou a case 2.000 mergulladores voluntarios en 30 puntos do país, conseguindo retirar un total de 5,3 toneladas de residuos nos fondos mariños.
PEZAS DE PLÁSTICO E TOALLIÑAS HÚMIDAS
Os participantes desta iniciativa caracterizaron 46.800 residuos, sendo os máis atopados nas costas españolas as cabichas, as pezas de plástico de menos de 2,5cm e as toalliñas húmidas.
Ao final da campaña, estes datos sumaranse aos máis de 670.000 obxectos xa caracterizados e que LIBERA recompilou desde 2017 no seu “Barómetro da Basuraleza”.
Fonte e imaxe: Ecoembes