- Isto tradúcese nun desperdicio de miles de millóns de dólares en cobre, ouro e outros metais preciosos, materiais fundamentais para a fabricación destes produtos
- Só nos fogares europeos almacénanse uns 700 millóns de teléfonos móbiles que non se utilizan ou non funcionan, unha media de máis de doua por fogar
- O WEEE Forum insta aos consumidores a separar e entregar os aparellos eléctricos e electrónicos inservibles ou en desuso para a súa reutilización, reparación ou reciclaxe
Cerceda, a 15 de outubro de 2024.- Cada ano refúganse, xunto co lixo doméstico normal, 14.000 millóns de kg de residuos electrónicos, que equivalen en peso a uns 24.000 dos avións de pasaxeiros máis pesados do mundo, o suficiente para formar unha cola desde Londres a Helsinqui, de Nova York a Miami, do Cairo a Trípoli ou de Bangkok a Calcuta.
Onte, 14 de outubro, celebrouse o Día Internacional dos Residuos Electrónicos, e con tal motivo o WEEE Forum -entidade con sede en Bruxelas que aglutina a sistemas de responsabilidade ampliada do produtor de aparellos electrónicos de todo o mundo-, insta os consumidores a recoller os inservibles ou en desuso e darlles unha segunda vida mediante a súa reutilización, reparación ou reciclaxe. Pero, sobre todo, pide que se deixen de tirar aos contedores de lixo doméstico.
Segundo o informe Global E-waste Monitor 2024 (elaborado por UNITAR en colaboración coa UIT), os residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) que acaban no lixo doméstico ao final da súa vida útil supoñen case unha cuarta parte do total xerado, representando un desperdicio de miles de millóns de dólares en cobre, ouro e outros metais preciosos, materiais fundamentais para a fabricación destes produtos.
Segundo UNITAR e a UIT, só os 844 millóns de cigarros electrónicos que se tiraron en 2022 conteñen litio suficiente, por exemplo, para abastecer a 15.000 coches eléctricos.
En todo o mundo hai 108 abonados a teléfonos móbiles por cada 100 persoas, e estudos anteriores demostraron que só nos fogares europeos almacénanse uns 700 millóns de teléfonos móbiles que non se utilizan ou non funcionan, unha media de máis de dous por fogar.
Unha enquisa realizada en 2022 axudou a explicar por que tantos fogares e empresas da UE non levan os RAEE a reparar ou reciclar. Realizada polos membros do WEEE Forum, a enquisa mostrou que o fogar europeo medio contén 74 produtos electrónicos, como teléfonos, tabletas, computadores portátiles, ferramentas eléctricas, secadores de pelo, tostadoras e outros electrodomésticos (excluídas as lámpadas), dos cales 13 son obxecto de acaparamento (9 deles sen usar, pero que funcionaban, e 4 rotos).
As razóns principais deste acaparamento en Europa foron:
- Podería volver a utilizalo no futuro (46%)
- Planea vendelo ou regalalo (15%)
- Ten valor sentimental (13%)
- Podería ter valor no futuro (9%)
- Non sabe como desfacerse del (7%)
Investigacións complementarias revelan que motiva á xente para reciclar os residuos electrónicos:
- Coñecemento: saber onde e como desfacerse dos residuos electrónicos e por que as nosas accións poden marcar a diferenza.
- Conveniencia dos puntos de recollida: facilitar aos consumidores o xesto correcto.
- Compensación: algúns consumidores están motivados por compensacións económicas ou doutro tipo.
- Normas sociais ou seguir o que fan os demais.
- Coidado do medio ambiente, unha preocupación crecente para moitos.
- Axudar a organizacións benéficas: facer algo bo polos demais, como ofrecer os electrodomésticos en desuso para a súa reutilización.
Ata a data, os SCRAP recolleron e reciclaron ou enviaron a reacondicionamento 41,6 millóns de toneladas de RAEE, e en 2022 recolléronse 3,1 millóns de toneladas.
«Temos que seguir vixiando a evolución nos próximos anos, xa que o aumento mundial da xeración de residuos electrónicos está a superar a recollida e a reciclaxe formais en cinco veces desde 2010», sinala Kees Baldé, especialista científico principal de UNITAR SCYCLE, e investigador principal detrás do Monitor Mundial de Residuos Electrónicos.»
Fonte: WEE Forum
Imaxe: Pixabay