- Nun ano marcado pola pandemia, o noso país recuperou, a través do iglú verde, máis de 843.000 toneladas de vidro, situándose a achega de cada cidadán en 17,8 kg.
- A esta cifra habería que engadir a recuperación de 63.750 toneladas a través de 21 plantas de tratamento de residuos.
- Grazas á reciclaxe de vidro, logrouse evitar a emisión de 525.943 t de CO2, unha cantidade equivalente á que se emitiría ao dar a volta ao mundo en avión 133 veces polo ecuador da Terra
Cerceda, a 5 de marzo de 2021.- Segundo datos de Ecovidrio, o pasado ano, marcado polo impacto da Covid-19, en España recolléronse, a través do iglú verde, un total de 843.049 t de residuos de envases de vidro, situándose a achega de cada cidadán en 17,8 kg (uns 61 envases por persoa).
Os españois reciclaron unha media de case oito millóns de envases ao día, uns 5.500 envases de vidro cada minuto. Para isto fixeron uso dos 235.259 iglús verdes repartidos por todo o territorio nacional (4.309 máis que en 2019). Ademais, Ecovidrio puido recuperar 63.750 t de vidro a través de 21 plantas de tratamento de residuos urbanos, reintroduciéndoas no ciclo produtivo para fabricar novos envases.
Trátase, tal e como manifestou esta organización, dun dato moi positivo, xa que reflicte o compromiso dos cidadáns co medio ambiente e coa reciclaxe, mesmo nun momento de gran incertidume e crise sanitaria. O noso país consolida así a tendencia positiva ascendente en termos de reciclaxe da última década.
En termos absolutos, e como é lóxico, 2020 rexistrou un descenso nas toneladas recollidas a través do iglú verde dun 6% debido aos peches e restricións do turismo en xeral, e do sector HORECA en particular, no que se xera máis do 50% dos envases de vidro do mercado. Malia isto, Ecovidrio seguiu dotando aos locais de hostalería da mellor infraestrutura para a xestión da reciclaxe de vidro grazas aos 32.350 contedores adaptados cos que conta actualmente o sector.
ESFORZO E RECOMPENSA
Ademais do propio compromiso cidadán, estes resultados foron posibles grazas ao esforzo realizado durante a pandemia por toda a cadea de valor da reciclaxe de envases de vidro en España.
Considerado como un servizo esencial, durante o confinamento permaneceron activas,desde o primeiro día, os máis de 1.000 roteiros semanais de recollida de residuos coordinadas por Ecovidrio, do mesmo xeito que as 15 plantas de tratamento e reciclaxe de envases de vidro, as 18 plantas de tratamento de residuos urbanos e as 13 vidreiras que hai en España.
Grazas á reciclaxe de vidro, logrouse evitar a emisión de 525.943 t de CO2, unha cantidade equivalente á que se emitiría ao dar a volta ao mundo en avión 133 veces polo ecuador da Terra; evitar a extracción de 1.088.159 t de materias primas (area, eslamiada e calcaria), un peso equivalente a case 50 veces o Acueduto de Segovia (xuntas, todas estas materias primas ocuparían un volume equivalente ao das Torres Kio en Madrid); aforrar 647.636 Mwh de enerxía, equivalente ao consumo enerxético dos hospitais de toda España durante case 2 meses.
PLAN ESTRATÉXICO
Para superar os obxectivos de reciclaxe de envases de vidro que marcan as novas directivas europeas, e facelo de forma eficiente e sostible, Ecovidrio elaborou un plan estratéxico (2020-2025) co que superará as novas esixencias de taxa de reciclaxe que marca Europa.
Con tal fin prevé investir máis de 500 millóns de euros en cinco anos para implementar técnicas moi avanzadas de business intelligence, adoptar técnicas de recollida selectiva de vangarda, intensificar as operacións no sector HORECA e innovar para a mobilización da cidadanía.
Fonte e imaxe: Ecovidrio