
- Baixo o lema “O marrón, o contedor que devolve vida”, celebráronse sesións presenciais en centros educativos de primaria dos concellos de Vilanova de Arousa, O Grove, Poio e Cambados
Cerceda, a 15 de abril de 2025.- A campaña de Sogama na comarca do Salnés en torno ao bo uso do contedor marrón, e bautizada co lema “O marrón, o contedor que devolve vida”, arrincou a pasada semana coa formación presencial de preto de 400 escolares de primaria dos municipios de Vilanova de Arousa, O Grove, Cambados e Poio.
En concreto, os educadores impartiron charlas nos colexios Viñagrande-Deiro e Xulio Camba de Vilanova; Rosalía de Castro e Conmeniño, do Grove; Espedregada e Sek Atlántico, de Poio; e Enrique Barreiro Piñeiro, de Cambados.
En todos eles, indicouse as razóns polas que este novo contedor, destinado a acoller a materia orgánica, chegou ás rúas; detallouse o que se debe e non se debe depositar no mesmo, minimizando con isto a presenza de impropios (residuos que non corresponden a este recipiente); incidiuse na importancia de que os restos orgánicos se introduzan previamente en bolsas compostables; e explicouse a operativa da planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa, onde os residuos orgánicos reciben tratamento para ser convertidos nun compost de alta calidade con posteriores aplicacións na agricultura e xardinería.
Así mesmo, describíronse as medidas de control ambiental, cheiros e ruídos instauradas nesta infraestrutura co fin de que a súa actividade se leve a cabo desde o máximo respecto á contorna e ao benestar da poboación.
Igualmente, e coa pretensión de que a propia instalación constitúa un instrumento na loita contra o cambio climático, unha boa parte da mesma abastécese con enerxías renovables, en concreto, con enerxía solar, dispoñendo de paneis fotovoltaicos no teito da nave.
Xestión circular
As xornadas foron aproveitadas para incidir no principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), imprescindible na xestión sostible dos residuos municipais, comezando pola prevención, continuando coa reutilización, é dicir, co máximo aproveitamento dos produtos ata esgotar a súa vida útil, e proseguindo coa correcta separación dos refugallos por materiais, introducindo cada tipoloxía nos contedores correspondentes para propiciar o seu posterior reciclado: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; iglú verde, para envases de vidro (botellas, frascos e tarros, sen tapas nin tapóns); e contedor marrón, para a materia orgánica, sen esquecer os específicos para aceites domésticos e pilas, así coma os puntos limpos, reservados para acoller aqueles refugallos que, dadas as súas características especiais, non poden depositarse nos contedores da rúas (aparellos eléctricos e electrónicos, voluminosos, pinturas, etc).
As sesións contemplaron diversos xogos cos que os pequenos consolidaron coñecementos, que agora compartirán coas súas familias e contorna social.
Saúdos, Departamento de Comunicación