
- Baixo o lema “Reduce, Reutiliza, Recicla e Lembra”, arrincou o pasado 13 de maio e estenderase ata final de curso
- O obxectivo da mesma é incidir na aplicación diaria do principio das tres erres como soporte da xestión sostible dos residuos municipais
- Dada a alta demanda de centros solicitantes, a aqueles aos que non se poida dar cobertura ata mediados de xuño por razóns de prazos, serán atendidos na próxima convocatoria
Cerceda, a 22 de maio de 2024.- A campaña formativa de Sogama orientada a escolares e lanzada con motivo da conmemoración do Día Internacional da Reciclaxe (17 de maio), chegará a 40 centros educativos de primaria e secundaria das catro provincias galegas e estenderase, ante a alta demanda, ata mediados do próximo mes de xuño.
Non obstante, e dada a imposibilidade, por razóns de prazos, de dar resposta a todas as solicitudes, que foron admitidas por orde de entrada, aqueles colexios que non poidan acceder a esta iniciativa, serán atendidos na próxima convocatoria.
O obxectivo da campaña, bautizada co lema “Reduce, Reutiliza, Recicla e Lembra”, é precisamente incidir na aplicación do principio europeo dos tres erres como soporte da xestión sostible dos residuos municipais, trasladar os xestos e comportamentos necesarios para poñelo en práctica cada día, e clarificar os tipos de refugallos que deben -e non deben- introducirse en cada un dos contedores de recollida selectiva. Con isto, garantirase a súa posterior transformación en novas materias primas e contribuirase ao aforro de enerxía e materias primas.
As sesións, todas elas presenciais, véñense desenvolvendo, por parte de educadores especializados, desde o 13 de maio. En días pasados, os monitores desprazáronse ao CPR Plurilingüe Losada de Vigo, CEIP A Xunqueira I de Pontevedra, CPR Padres Somascos da Guarda, CEIP Nosa Señora da Piedade e CEIP Plurilingüe Cerdeiriñas, ambos en Vila de Cruces, CEIP do Páramo, en Lugo, e CEIP da Ramallosa, en Teo.
Malia que os escolares son un colectivo moi sensibilizado e comprometido coa protección do medio ambiente, e saben como xestionar os residuos, aínda seguen persistindo erros e inercias na separación de materiais en orixe que é preciso corrixir e resolver.
Ademais, a través desta campaña, quérese chegar tamén aos fogares do alumnado e á súa contorna social máis inmediata, dado a capacidade tractora dos pequenos cara á consecución de hábitos máis sostibles.
Saúdos, Departamento de Comunicación