- Ecovidrio, en calidade de patrocinador sostible da Volta Ciclista 2019, móstrase satisfeito pola excelente acollida da súa campaña e a colaboración de seguidores, ciclistas e persoal da organización en xeral.
- Entre o 24 de agosto e o 15 de setembro, período no que se desenvolveu esta competición, tamén se traballou na protección do medio ambiente con batidas de limpeza e recollida de residuos en espazos naturais e con xestos que evidenciaron os beneficios da reciclaxe de vidro.
Cerceda, a 25 de setembro de 2019.- Por quinto ano consecutivo, a campaña de Ecovidrio “Recicla vidro e pedalea” sumouse á Volta ciclista a España, que tivo lugar entre o 24 de agosto e o 15 de setembro, para sensibilizar á poboación en xeral, e aos afeccionados ao ciclismo en particular, sobre a importancia que ten protexer a contorna.
No marco desta iniciativa, e xunto co denominado “Pelotón Verde”, promovéronse batidas de limpeza e recollida de residuos nos lugares de chegada das oito etapas de montaña da competición, entregáronse aos gañadores trofeos de vidro reciclado polos propios cidadáns nos contedores vinilados e contouse coa colaboración e implicación dos propios ciclistas, así como de moitas personalidades e institucións.
Así mesmo, na etapa 2 Ecovidrio instalou o seu contedor xigante en Benidorm en recoñecemento ao esforzo desta localidade ao acadar a mellor ratio de recollida selectiva de envases de vidro entre os municipios participantes na Volta.
Do mesmo xeito que noutras edicións, no pódium ubicouse un contedor verde para que os gañadores de cada etapa depositasen a botella de vidro coa que celebraron a vitoria durante a cerimonia de entrega do maillot vermello. E, como novidade, o panel de control de firmas polos que pasan a diario todos os ciclistas, fabricado con vidro reciclado.
En calidade de patrocinador sostible da Volta, Ecovidrio contou coa implicación, entre outros, do exciclista e embaixador desta organización, Óscar Pereiro, quen recoñeceu o labor realizado nestes tempos como “toda unha posta en valor da afección ao ciclismo e da súa comunidade. Ambos viron que a súa actividade pode ter un resultado positivo na contorna e a min iso enorgulléceme e faime sentir máis parte deste deporte que nunca”.
Pola súa banda, Javier Guillén, director da Volta, subliñou a especial relevancia que cobra o coidado dos espazos naturais nunha disciplina como o ciclismo “que transita, depende e vive da natureza”, engadindo que “temos que facer un esforzo por deixar a menor pegada ecolóxica posible. Os nosos irmáns no Tour de Francia respectaron as 82 zonas naturais protexidas polas que transitaron en 2019, e nós non podemos ser menos responsables. A Volta 2019 desenvólvese preto de seis espazos considerados Patrimonios da Humanidade pola UNESCO”.
A competición transcorreu por localidades e espazos naturais de distintas comunidades autónomas e países veciños como o Principado de Andorra e Francia.
Fonte e imaxe: hablandoenvidrio.com
Saúdos, Departamento de Comunicación