- Editorial do presidente de Sogama, Javier Domínguez, correspondente ao boletín informativo da Sociedade deste mes: https://www.sogama.gal/sites/default/files/newsletter/pdf/2024-10/newsletter58.pdf
As medidas aplicadas polo Estado impactaron nas contas de Sogama. Logo de varios anos consecutivos de equilibrio económico, resultado dunha xestión honesta, prudente, eficiente e previsora, posibilitada á súa vez polo esforzo e dedicación dun equipo humano modélico e cunha clara vocación de servizo público, este equilibrio quebrouse como consecuencia dunha serie de decisións adoptadas de forma unilateral polo Goberno central, abocando á Sociedade que presido a unhas perdas económicas superiores a 18 millóns de euros en 2023.
Os impostos sobre a vertedura e a incineración, que supuxeron 9,1 millóns de euros o pasado ano, e que Sogama soportou coa súa caixa, evitando desta forma que recaesen nos concellos, tiveron continuidade con outras medidas que evidencian a falta de sensibilidade do Estado coas empresas e a cidadanía. Entre estas, cabería mencionar a eliminación da retribución ao investimento da planta termoeléctrica, comprometida ata o ano 2026, momento no que finalizará a súa vida útil, así como a redución do investimento á explotación da planta de coxeración no segundo semestre do exercicio pasado, e a recuperación do tributo eléctrico do 7%. Estas accións incrementaron en 39 euros o custo que para Sogama ten o tratamento de cada tonelada de residuos que entra nas súas instalacións.
Cando se supón que a Administración do Estado debería apoiar ás entidades cunha xestión eficiente ou, alomenos, deixalas “sobrevivir” cos propios recursos que xeran e que, no caso de Sogama, permitíronlle realizar investimentos por un importe superior a 100 millóns de euros para prestar un mellor servizo aos galegos, a resposta do Goberno central foi poñer trabas e máis trabas que prexudican a esta compañía, así como aos 295 concellos aos que esta da servizo.
Cal é o resultado desta política errática, improvisada, interesada e insolidaria do Estado? Pois a actualización do canon que Sogama aplica aos concellos para cubrir os custos básicos do tratamento dos residuos producidos por máis 2,2 millóns de habitantes.
Esta situación, froito de decisións desatinadas e/ou malintencionadas que, ademais de lesionar as arcas locais, comprometen a protección ambiental, é aproveitada de forma pouco ortodoxa por determinados grupos políticos para cuestionar o modelo que posibilitou que os 300 vertedoiros municipais que asediaban Galicia na década dos 90, e que comprometían a saúde pública, sexan hoxe un mal recordo. Cal é a razón de actuar así? Moi fácil: a súa incapacidade de propoñer unha alternativa viable.
Javier Domínguez Lino
Presidente Sogama