- Segundo dou a coñecer Plastics Recyclers Europe (PRE), estímase que este crecemento propiciou que a capacidade instalada para a reciclaxe deste material se sitúe en 2,7 millóns de toneladas, con 30 novas instalacións que fan un total de 218 plantas especializadas.
- Unha mellora que, en todo caso, vén a demostrar que se avanza cara á consecución dos obxectivos establecidos pola UE.
Cerceda, a 30 de setembro de 2021.- Segundo informa Plastics Recyclers Europe (PRE), a capacidade de reciclaxe de filme plástico flexible creceu o pasado ano en Europa case un 10%, e isto malia a pandemia da COVID-19, que provocou graves interrupcións no mercado de xestión de residuos. Unha mellora que, en todo caso, vén a demostrar que se avanza cara á consecución dos obxectivos establecidos pola UE.
Estímase que este crecemento propiciou que a capacidade instalada para a reciclaxe deste material se sitúe en 2,7 millóns de toneladas, con 30 novas instalacións que fan un total de 218 plantas especializadas.
Na UE, a demanda de filme plástico flexible supera os 9 millóns de toneladas anuais, representando a segunda maior fracción de plásticos do mercado europeo.
Actualmente, o 17% do polietileno flexible reciclado destínase a aplicacións de filme a filme. O envasado non alimentario e a construción son os seus mercados principais. Ademais, as previsións indican que os produtos de filme de PE poderían incorporar ata un 38% de contido reciclado para 2030.
Desde PRE sinalan que a reciclaxe de plástico flexible seguirá crecendo aínda máis. Isto débese ás actuais tendencias, que se traducen na implementación de plans de recollida ampliados en todos os Estados membros para alcanzar os obxectivos de reciclaxe da UE. Igualmente, o crecemento virá propiciado polas mellores tecnoloxías de clasificación combinadas co esforzo dos sistemas EPR. Neste sentido, sublíñase que os centros de clasificación contribúen cada vez máis a xerar correntes de monomaterial, diminuíndo gradualmente a fracción de poliolefinas mixtas.
Así mesmo, cos compromisos dos actores da cadea de valor do plástico flexible para mellorar a reciclabilidade dos plásticos, e para incorporar plásticos reciclados nos seus produtos, a demanda de PE flexible reciclado de alta calidade seguirá crecendo.
Fonte: mundoplast.com
Imaxe: Pexels