- O HDPE (Polietileno de Alta Densidade) e PP (Polipropileno) conforman o grupo das correntes máis recicladas de Europa, resultando necesario avanzar na recolección e ecodeseño para satisfacer a cada vez maior demanda de produtos reciclados.
- Italia, Alemaña, Reino Unido, España e Francia son os países con maior capacidade instalada de reciclaxe para estes polímeros.
- A principal saída para as poliolefinas ríxidas segue sendo o sector do envasado, utilizándose nunha ampla gama de aplicacións que van desde alimentos ata produtos para o fogar e artigos de coidado persoal.
Cerceda, a 13 de maio de 2019.- As poliolefinas ríxidas, postconsumo e postindustriais, e máis concretamente o HDPE (Polietileno de Alta Densidade) e PP (Polipropileno), conforman o grupo das correntes máis recicladas de Europa, tendo alcanzado o continente unha capacidade de reciclaxe de 1,7 millóns de toneladas.
Segundo datos proporcionados por Plastics Recyclers Europe, os países cunha capacidade instalada de reciclaxe maior son Italia, cun 25%; Alemaña, cun 22%; e Reino Unido, cun 15%. Pola súa banda, España conta cun 13% e Francia cun 9%.
Europa dispoñía en 2018 cun total de 114 entidades recicladoras de HDPE e PP, concentrándose o maior número de instalacións en Italia e España, seguidas por Alemaña , Reino Unido e Francia.
No marco dos novos e esixentes obxectivos europeos en materia de reciclaxe, aprema a necesidade de incrementar a reciclaxe destes polímeros. Neste sentido, o presidente do Grupo de Traballo de HDPE e PP, Herbert Snell, manifestou que a demanda de produtos reciclados continúa en liña ascendente e, para satisfacer esta demanda e aumentar a calidade, resulta prioritario avanzar na recolección e o ecodeseño para a reciclaxe.
Tal e como sinalou, a principal saída para as poliolefinas ríxidas no ámbito europeo continúa a ser o sector do envasado, utilizándose nunha ampla gama de aplicacións que van desde alimentos ata produtos para o fogar e artigos de coidado persoal. O mercado restante para HDPE lévao a construción e, para o PP, a automotriz.
A día de hoxe, máis de 120 empresas de distintos puntos de Europa forman parte de Plastics Recyclers Europe (PRE), cuxo obxectivo é defender os intereses dos recicladores de plásticos.
A prioridade desta organización diríxese agora a apoiar a transición cara a unha economía circular e harmonizar os estándares de reciclaxe en toda Europa.
Así mesmo, PRE promove o uso de materiais plásticos reciclados de calidade e proporciona consellos e recomendacións para desenvolver produtos e paquetes innovadores con deseño ecolóxico.
Fonte e imaxe: Plastics Recyclers Europe
https://www.plasticsrecyclers.eu/sites/default/files/articles/AdobeStock_167343353.jpg
Saúdos, Departamento de Comunicación