- A reciclaxe do PET trae consigo importantes vantaxes ambientais, xa que se reduce o uso de materias primas e o consumo de enerxía.
- A industria do sector tamén está optimizando o transporte ao ser capaz de converter, na propia planta de enchido, as preformas en botellas.
Cerceda, a 13 de xullo de 2020.- O PET é un dos plásticos que máis se recicla, xa que ofrece numerosas vantaxes. Entre estas, cabe destacar que se trata dun polímero inerte, resultando axeitado para almacenar alimentos ao non interactuar co seu contido, creando tamén unha barreira para o osíxeno e a auga. Así mesmo, pódeselle dar forma facilmente e é tamén moi resistente e lixeiro, o que o converte nun material perfecto para todo tipo de bebidas.
Unha vez seleccionadas en planta, as botellas de PET entréganse no centro reciclador, onde se eliminan as etiquetas e os tapóns, separándoas por cor e triturándoas. O material resultante lávase, sécase e esterilízase para logo fundirse a 270ºC e granularse. O produto "regranulado" mestúrase con granulado novo e fúndese para ser enviado posteriormente a máquinas de inxección, onde se fabrican as preformas de novas botellas de PET, transportándoas logo á planta de enchido. O círculo péchase unha vez comezan unha nova vida.
A reciclaxe reduce o impacto medioambiental da industria do PET de distintas formas. En primeiro lugar, porque hai unha redución do uso de materias primas: as novas preformas de botella poden facerse cun 35% de regranulado, polo que se aforra o petróleo que tería que empregarse para producir granulado novo. Ademais, o plástico reciclado require un 88% menos de enerxía que a fabricación de plástico a partir de materias primas novas (fonte: "An Overview of Plastic Recycling", de Rick Leblanc, The Balance Small Business).
Así mesmo, as preformas teñen un uso máis eficiente de materiais. "A día de hoxe, a preforma dunha botella de PET de 1,5 litros pesa tan só 26,8 g, considerablemente inferior aos 38 g de fai 5 anos". "O uso de regranulado e o uso máis eficiente de materiais propiciaron unha redución do 66% de materias primas nos últimos 5 anos".
A industria de PET tamén está optimizando o transporte ao ser capaz de converter, na propia planta de enchido, as preformas en botellas. Redúcese asío número de viaxes que parten da planta de reciclaxe e, polo tanto, as emisións de CO2 á atmosfera.
Para que a reciclaxe cumpra o seu papel e sexa capaz de enfrontar o problema dos residuos de plástico que ten a industria do PET, necesita procesos eficientes e produtos finais de calidade que poidan competir no mercado con materiais virxes.
As botellas de PET usadas poden constituír un recurso valorizable para a industria da embalaxe e outros sectores, e así desempeñar un papel importante á hora de loitar contra o impacto medioambiental do plástico.
Fonte: Retema