- 175 países respaldaron unha resolución histórica para acabar coa contaminación por plásticos e forxar un acordo internacional xuridicamente vinculante para finais de 2024
- A contaminación por plásticos pasou de 2 millóns de toneladas en 1950 a 348 millóns en 2017, e agárdase que se duplique a súa cantidade de aquí a 2040.
Cerceda, a 3 de marzo de 2022.- Representantes de 175 países respaldaron onte, 2 de marzo, unha resolución histórica para acabar coa contaminación por plásticos e forxar un acordo internacional xuridicamente vinculante para finais de 2024.
A decisión foi adoptada no seo da Asemblea das Nacións Unidas para o Medio Ambiente, celebrada en Nairobi, o máximo órgano mundial para preservar a saúde do noso planeta. A histórica resolución aborda o ciclo de vida completo do plástico, incluíndo a súa produción, deseño e eliminación.
A resolución establece un Comité Intergobernamental de Negociación que comezará o seu traballo este ano. Agárdase que presente un instrumento xuridicamente vinculante e que reflicta diversas alternativas para abordar o ciclo de vida completo dos plásticos, desde o deseño de produtos ata os materiais reutilizables e reciclables.
Tamén abordará a necesidade de mellorar a colaboración internacional para facilitar o acceso á tecnoloxía e que permita a realización do revolucionario plan.
O Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) indicou que convocaría un foro a finais deste ano, xunto coa primeira sesión do Comité Intergobernamental, para compartir coñecementos e mellores prácticas en diferentes partes do mundo.
O documento que redacte o Comité basearase nun debate aberto, informado pola ciencia, e ese órgano dará conta dos progresos realizados ao longo dos dous próximos anos.
Unha vez concluídos os seus traballos, a axencia da ONU convocará unha conferencia diplomática para adoptar os seus resultados e abrir o instrumento internacional á firma.
Paralelamente ás negociacións sobre un acordo internacional vinculante, traballará con calquera goberno e empresa que o desexe en toda a cadea de valor para abandonar os plásticos dun só uso, así como para mobilizar o financiamento privado e eliminar as barreiras aos investimentos en investigación e nunha nova economía circular.
UN PROBLEMA QUE CRECE
A contaminación por plástico pasou de 2 millóns de toneladas en 1950 a 348 millóns en 2017, converténdose nunha industria mundial valorada en 522.600 millóns de dólares, segundo datos do Programa. Agárdase que se duplique a súa cantidade de aquí a 2040.
Os impactos da produción e a contaminación por plásticos son, segundo o PNUMA, unha catástrofe en cernes no contexto da tripla crise planetaria do cambio climático, a perda da natureza e a contaminación.
- Para 2050, as emisións de gases de efecto invernadoiro asociadas á produción, uso e eliminación de plásticos representarán o 15% das emisións permitidas, segundo o obxectivo de limitar o quecemento global a 1,5° C
- Máis de 800 especies mariñas e costeiras vense afectadas por esta contaminación por inxestión, enredo e outros perigos
- Cada ano chegan aos océanos uns 11 millóns de toneladas de residuos plásticos. Esta cifra podería triplicarse de aquí a 2040
O cambio cara a unha economía circular pode:
- Reducir o volume de plásticos que chegan aos océanos en máis dun 80% para 2040
- Diminuír a produción de plástico virxe nun 55%
- Aforrar aos gobernos 70.000 millóns de dólares para 2040
- Minimizar as emisións de gases de efecto invernadoiro nun 25%
- Crear 700.000 postos de traballo adicionais, principalmente nos países do sur
Pé de foto: Espen Barth Eide, ministro noruegués e actual presidente da Asemblea das Nacións Unidas para o Medio Ambiente, sinala co mazo a aprobación da histórica resolución para redactar un tratado vinculante sobre o plástico.
Fonte: Nacións Unidas
Imaxe: Pexels