- O concello procedeu á entrega dos mesmos esta mesma semana, impartindo a correspondente formación ás novas familias participantes, ás que tamén facilitou un manual de autocompostaxe no que se describe a técnica a seguir.
- Con esta nova partida, xa son 273 as familias carballesas que recuperan nos fogares os refugallos orgánicos para convertelos nun compost de calidade que logo aplican nas súas hortas e xardíns.
- Grazas á colaboración veciñal, o concello conseguiu eliminar dos contedores verdes convencionais máis de 100 toneladas anuais de lixo.
Cerceda, a 6 de setembro de 2019.- O concello coruñés de Carballo, pioneiro na recuperación da fracción orgánica contida no lixo, decidiu ampliar o seu programa de compostaxe doméstica a novas vivendas unifamiliares co obxectivo de que cada vez sexan máis os cidadáns que se impliquen nesta práctica, con importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Esta mesma semana procedeuse ao reparto dos 50 novos composteiros, de 400 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, subministrados por Sogama, impartindo a correspondente formación aos participantes, aos que tamén se entregou un manual no que se detalla a técnica a seguir e dáse resposta ás preguntas máis frecuentes.
Con esta nova partida xa son 273 as familias carballesas que participan nesta iniciativa e que xa recuperan nos seus fogares os residuos orgánicos para convertelos nun compost de calidade que logo aplican nas súas hortas e xardíns, actuando como excelente fertilizante natural.
Así mesmo, o ente local, a través da Concellería de Medio Ambiente, Obras e Servizos, tamén quixo facer partícipe desta iniciativa a colectivos sociais tales como a Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM), a Asociación Ambiental Senda Nova e a Escola Municipal de Hostalaría.
Grazas á colaboración veciñal, o concello sinala que conseguiu eliminar dos contedores verdes convencionais máis de 100 toneladas anuais de residuos, cifra que irá en aumento a medida que a compostaxe se vaia estendendo a distintos ámbitos poboacionais.
Saúdos, Departamento de Comunicación