- Así o indica o Eurobarómetro especial publicado conxuntamente polo Parlamento Europeo e a Comisión o pasado mes de xaneiro
- Os resultados mostran que o 91 % dos mozos entre 15 e 24 anos cre que a loita contra o cambio climático pode contribuír a mellorar a súa propia saúde e benestar, unha opinión compartida polo 84% das persoas de 55 anos ou máis
- O 80 % coincide na importancia de converter Europa no primeiro continente climaticamente neutro do mundo de aquí a 2050
Cerceda, a 15 de febreiro de 2022.- A finais do pasado mes de xaneiro, o Parlamento Europeo e a Comisión publicaron un Eurobarómetro especial sobre o futuro de Europa realizado de forma conxunta.
Co comezo de 2022, declarado Ano Europeo da Mocidade, a enquisa destaca os puntos de vista dos mozos sobre os retos aos que se enfronta a UE, así como o papel crave que desempeñan na Conferencia sobre o Futuro de Europa.
Os resultados mostran que o 91 % dos mozos entre 15 e 24 anos cre que a loita contra o cambio climático pode contribuír a mellorar a súa propia saúde e benestar, unha opinión compartida polo 84% das persoas de 55 anos ou máis.
Case a metade da poboación europea (49 %) considera que o cambio climático é o principal reto mundial que afecta o futuro da UE, demostrando un apoio abafador aos obxectivos ambientais do Pacto Verde Europeo.
O 88 % pensa que é relevante aumentar a cota das enerxías renovables na economía e lograr unha maior eficiencia enerxética, mentres que o 80 % coincide na importancia de converter Europa no primeiro continente climaticamente neutro do mundo de aquí a 2050 e de promover o crecemento do mercado de vehículos de baixas emisións.
As cuestións ambientais e o cambio climático ocupan un lugar destacado na lista de retos aos que se enfronta a UE, sendo mencionados polo 32 % das persoas enquisadas.
CONFERENCIA SOBRE O FUTURO DE EUROPA
En torno ao 43 % afirma que a principal vantaxe de implicar ás xeracións máis novas na Conferencia sobre o Futuro de Europa é a atención que se presta ás cuestións que lles interesan. Outros beneficios son a enerxía e a motivación que achegan para as reformas e os cambios (segundo apuntou o 35 %) e a súa intención de facer que o futuro de Europa responda mellor aos retos da sociedade actual (33%).
En conxunto, os europeos consideran o cambio climático e o medio ambiente (44 %), a saúde (40 %), unha economía máis forte, a xustiza social e o emprego (40 %) cuestións crave para a Conferencia.
Fonte: Parlamento Europeo
Imaxe: Pexels