- Hai máis de 700 millóns de teléfonos vellos tirados nos nosos caixóns (case dous por cada europeo) e en moitas ocasións aos cidadáns resúltalles difícil decidir que facer con eles
- Ademais, estes dispositivos tamén son ricos en materiais preciosos, sobre todo en materias primas críticas
Cerceda, a 9 de outubro de 2023.- En días pasados, a Comisión Europea adoptou unha serie de recomendacións políticas para que os Estados membros melloren e incentiven a devolución de teléfonos móbiles, tabletas, computadores portátiles e os seus cargadores usados e de refugallo.
A razón obedece a que hai máis de 700 millóns de teléfonos vellos tirados nos nosos caixóns, é dicir, case dous por cada habitante da UE, e en moitas ocasións aos cidadáns resúltalles difícil decidir que facer con eles, polo que se trataría de facilitar a forma de devolver, reparar e reciclar estes produtos.
O obxectivo destas recomendacións é axudar ás autoridades nacionais a garantir os máximos índices de recollida e a posterior reutilización, reparación, reacondicionamento e recuperación destes pequenos dispositivos electrónicos, cuxo índice de recollida continúa a ser baixo. Por exemplo, calcúlase que a taxa de recollida de teléfonos móbiles é inferior ao 5%. Ademais, estes dispositivos tamén son ricos en materiais preciosos, sobre todo en materias primas críticas. De feito, un só smartphone contén terras raras no imán, cobalto na batería, indio na pantalla e tantalio, galio e metais preciosos no circuíto impreso.
Aumentar a reparación e reutilización dos pequenos aparellos electrónicos, así como a reciclaxe dos residuos destes equipos, favorecerá o paso a unha economía circular, contribuirá á seguridade da subministración de materias primas e enerxía esenciais, e reforzará a autonomía estratéxica da UE.
As recomendacións políticas inclúen:
- Incentivos financeiros como descontos, vales, sistemas de depósito e devolución ou recompensas monetarias. Ao utilizar estes incentivos, os consumidores deben estar preparados para tomar decisións con coñecemento de causa; por exemplo, deben ser capaces de calcular o valor dun aparello.
- Aumentar o uso dos servizos postais para devolver os dispositivos electrónicos. Por exemplo facilitando sobres ou etiquetas de prepago aos consumidores.
- Establecer asociacións entre organizacións de reutilización e operadores de sistemas de recuperación.
- Aumentar a concienciación e mellorar a comodidade e visibilidade dos puntos de recollida onde os cidadáns poden devolver pequenos aparellos electrónicos. A información sobre os puntos de recollida máis próximos pode engadirse a mapas, ferramentas de procura e aplicacións fáciles de usar.
A CE considera que, con estas recomendacións, todos saímos gañando, “as persoas poden beneficiarse de moitas maneiras, a economía circular crece e non perdemos materias primas esenciais".
Fonte: IndustriAmbiente
Imaxe: Pexels