- Este pacto abarca todos os sectores da economía, especialmente os do transporte, a enerxía, a agricultura, os edificios e as industrias, o cemento, as TIC, os téxtiles e os produtos químicos.
- Para transformar esta ambición política en lexislación, a Comisión presentará, nun prazo de 100 días, a primeira «Lei do Clima Europea».
- Estímase que, para cumprir os obxectivos actuais en materia de clima e enerxía de cara a 2030, requiriranse 260.000 millóns de euros de investimento anual adicional, o que representa aproximadamente o 1,5 % do PIB de 2018.
- A principios do próximo ano, a Comisión presentará o Plan de Investimentos para unha Europa Sostible. A pretensión é que, alomenos o 25 % do orzamento da UE a longo prazo deberá dedicarse á acción polo clima.
Cerceda, a 13 de decembro de 2019.- A Comisión Europea presentou esta Semana o Pacto Verde Europeo, a través do cal se traza a ruta a seguir para que a economía da UE sexa sostible.
A pretensión é que os retos no ámbito do clima e o medio ambiente se transformen en oportunidades, posibilitando que a transición sexa xusta e integradora para todos, e se dea paso a unha economía limpa e circular para facer fronte ao cambio climático, reverter a perda de biodiversidade e reducir os niveis de contaminación.
O Pacto Verde Europeo abarca todos os sectores da economía, especialmente os do transporte, a enerxía, a agricultura, os edificios e as industrias, como as da siderurxia, o cemento, as TIC, os téxtis e os produtos químicos.
Para traducir esta ambición política en lexislación e ser o primeiro continente climaticamente neutro en 2050, a Comisión lanzará, nun prazo de 100 días, a primeira «Lei do Clima Europea». Así mesmo, presentará a Estratexia sobre Biodiversidade para 2030, a nova Estratexia Industrial, o Plan de Acción da Economía Circular, a Estratexia «da granxa á mesa» de alimentación sostible e propostas para unha Europa sen contaminación, ao tempo que se endurecerán os obxectivos de emisións de Europa para 2030 e fixarase unha senda realista coa vista posta en 2050.
FINANCIAMENTO
Estímase que, para cumprir os obxectivos actuais en materia de clima e enerxía no horizonte de 2030, requiriranse 260.000 millóns de euros de investimento anual adicional, o que representa aproximadamente o 1,5 % do PIB de 2018.
A principios do próximo ano, a Comisión presentará o Plan de Investimentos para unha Europa Sostible. O obxectivo é que, alomenos o 25 % do orzamento da UE a longo prazo, deberá dedicarse á acción polo clima. O Banco Europeo de Investimentos, que é o banco climático europeo, ofrecerá apoio adicional. Asimesmo, e co fin de que o sector privado contribúa a financiar a transición ecolóxica, a Comisión presentará a Estratexia de Financiamento Ecolóxico en 2020.
Se ben a loita contra o cambio climático e a degradación do medio ambiente é un obxectivo común, o certo é que non todas as rexións e Estados membros parten da mesma situación. É por isto que se apoiará especialmente ás rexións que dependen en gran medida de actividades cun uso moi intensivo de carbono, e axudarase aos cidadáns máis vulnerables na transición, facilitando o acceso a programas de reciclaxe profesional e oportunidades de emprego en novos sectores económicos.
En marzo de 2020, a Comisión porá en marcha o «Pacto polo Clima» para dar voz e cometido aos cidadáns no deseño de novas accións, a difusión de información, o comezo de iniciativas de base e a presentación de solucións que outros poidan repetir.
CONTEXTO E PRÓXIMOS PASOS
A Unión Europea conta cun historial sólido de redución das súas emisións de gases de efecto invernadoiro mantendo o crecemento económico. Non obstante, aínda queda moito por facer.
O 95% dos europeos considera que a protección do medio ambiente é importante e o 77% afirma que a protección da contorna pode impulsar o crecemento económico, posicionamento que vén confirmar o amplo respaldo público á lexislación medioambiental a nivel da UE e ao financiamento para actividades respectuosas co medio ambiente.
A Comisión solicita ao Parlamento Europeo e ao Consello Europeo que referenden a ambiciosa visión da Comisión para a economía e o medio ambiente futuros de Europa e que axuden a facela realidade.
Fonte: Comisión Europea
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación