- A pretensión é que a UE sexa un bloque climaticamente neutro para 2050.
- A Lei de Clima inclúe medidas para facer un seguimento dos avances e realizar axustes nas accións sobre a base dos sistemas existentes.
- Cada cinco anos examinaranse os progresos realizados, en liña co balance mundial do Acordo de París.
- A consulta pública en relación ao novo Pacto Europeo sobre o Clima, cunha duración de doce semanas, pretende que os cidadáns e as partes interesadas se fagan oír e participen na formulación de novas accións polo clima.
Cerceda, a 11 de marzo de 2020.- A fin de protexer ao planeta e á poboación, a Comisión presentou unha proposta para recoller na lexislación o compromiso político da UE de ser un bloque climaticamente neutro para 2050, ao tempo que abriu unha consulta pública en torno ao futuro Pacto Europeo sobre o Clima.
A Lei de Clima inclúe medidas para facer un seguimento dos avances e realizar axustes nas accións sobre a base dos sistemas existentes, tales como o proceso de gobernanza para os plans nacionais dos Estados membros en materia de enerxía e clima, os informes periódicos da Axencia Europea de Medio Ambiente e os últimos datos científicos sobre o cambio climático e as súas repercusións.
Cada cinco anos examinaranse os progresos realizados, en liña co balance mundial do Acordo de París.
Así as cousas, a Comisión abordará as seguintes medidas:
- Contempla un novo obxectivo da UE de redución das emisións de gases de efecto invernadoiro para 2030 e, en xuño de 2021, como moi tarde, revisará todos os instrumentos políticos pertinentes para lograr as reducións adicionais das emisións para 2030.
- Propón que se estableza unha traxectoria de 2030-2050 a escala da UE para diminuír as emisións, medir os progresos e ofrecer previsibilidade ás autoridades públicas, ás empresas e aos cidadáns.
- En setembro de 2023, e posteriormente cada cinco anos, a Comisión avaliará a coherencia das medidas nacionais e da UE co obxectivo de alcanzar a neutralidade climática e a traxectoria de 2030-2050.
- A Comisión estará facultada para emitir recomendacións aos Estados membros cuxas actuacións non sexan coherentes con este obxectivo, e os Estados membros quedarán obrigados a seguilas ou a xustificar o motivo de non facelo.
- Esixirase aos Estados que formulen e apliquen estratexias de adaptación para reforzar a resiliencia e reducir a vulnerabilidade ante os efectos do cambio climático.
O PACTO EUROPEO SOBRE O CLIMA SOMÉTESE A CONSULTA PÚBLICA
Xunto coas políticas e a regulamentación gobernamentais, todos os sectores sociais e económicos deben desempeñar un papel na transición cara a unha Unión Europea climaticamente neutra.
Por isto, a Comisión puxo en marcha unha consulta pública, que terá unha duración de doce semanas, en relación ao novo Pacto Europeo sobre o Clima, unha iniciativa encamiñada a que os cidadáns e as partes interesadas se fagan oír e participen na proposta de novas accións polo clima, o intercambio de información e a presentación de solucións que outros poidan seguir.
As respostas utilizaranse na formulación do Pacto sobre o Clima, que se porá en marcha antes da Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático que se celebrará en Glasgow, en novembro de 2020 (CP26).
Fonte: Comisión Europea
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación