- Este colexio vigués participa no programa “Recíclate con Sogama” co seu proxecto “De fonte escura a fonte verde”, destacando pola súa dedicación incansable cara a un alumnado complexo e diverso conformado por nenos/as con distintas discapacidades e, en moitos casos, pertencentes a familias desestruturadas.
- Un escenario que require dun esforzo adicional que vai máis aló da docencia e no que entra en xogo a dimensión humana.
- A formación na protección da contorna e o labor realizado no programa liderado por Sogama permítelles traballar distintos valores tales como a solidariedade, a empatía, o compañeirismo, a lealdade, a franqueza, a honestidade e o esforzo.
Cerceda, a 6 de febreiro de 2020.- O CEIP Fonte Escura de Vigo é deses centros que quedan inmortalizados na bagaxe vital de calquera persoa dedicada ou non ao ámbito educativo. Este ano participa, xunto con outros 24 colexios de primaria de toda Galicia, no programa educativo “Recíclate con Sogama”, enmarcado no Plan Proxecta da Xunta de Galicia, e faino cun proxecto cuxo título non pode ser máis elocuente “De fonte escura a fonte verde”.
Os monitores ao servizo de Sogama tiveron a oportunidade de ver e comprobar o traballo realizado polo profesorado deste centro vigués, que vai moito máis aló do seu labor como docentes. Atenden a un alumnado “complexo e diverso”. Nenos e nenas con distintos graos de discapacidade, tanto física como intelectual e, en moitos casos, pertencentes a familias desestruturadas e en risco de exclusión social. Unha contorna que esixe unha dedicación e un tacto especial no que entra de cheo toda a dimensión humana.
As características especiais desta situación requiren dun esforzo adicional que o profesorado deste centro dá cada día para velar polo presente e o futuro destes pequenos.
O intenso labor realizado no marco de programas como “Recíclate con Sogama” permítelles traballar distintos valores tales como a solidariedade, a empatía, o compañeirismo, a lealdade, a franqueza e a honestidade, entre outros.
Días atrás recibiron a visita dunha das educadoras de Sogama á que realizaron multitude de preguntas sobre a correcta separación de residuos para propiciar a súa posterior reciclaxe. Dedicaron os días previos a preparalas cos seus profesores para resolver todas as súas dúbidas.
Nas aulas contan cunhas bolsas específicas de recollida selectiva onde van depositando os refugallos xerados de forma segregada. Cada 15 días, o denominado “equipo de reciclaxe” pasa a recollelas e posteriormente transpórtaas á illa de reciclaxe. Esta dinámica séguenna rigorosamente e a selección, a xuízo dunha das docentes, é moi boa. No recreo “cústalles máis”, probablemente porque os absorbe o xogo e a desconexión, pero seguirán concienciando para que presten máis atención, tamén durante os momentos de lecer, a depositar cada cousa no seu contedor.
Saúdos, Departamento de Comunicación