
- A conmemoración do Samaín estendeuse a unha boa parte do territorio galego, converténdose xa nun motivo de márketing e consumo desmedido
Cerceda, a 30 de outubro de 2023.-Nos últimos tempos, o Samaín recuperou en Galicia a súa esencia, estendéndose a súa celebración a gran parte do territorio. A día de hoxe é unha cita habitual en moitos pobos e xa está moi presente en centros educativos e distintas organizacións, converténdose nun motivo de márketing e consumo desmedido.
Sogama lembra que o 83% dos disfraces do Samaín están fabricados con plástico, de aí a conveniencia de que se elaboren a partires de roupa fóra de uso que a bo seguro haberá nas casas.
Así mesmo, recomenda comprar cabazas de orixe local e, se sobran, utilizalas para preparar suculentos pratos con esta hortaliza chea de vitaminas e minerais.
Tamén é importante prescindir das vaixelas e vasos de usar e tirar, e optar por materiais reutilizables e, para os máis lambóns, aconséllase ter coidado co azucre dos doces e adquirir os comercializados a granel, xa que un simple envoltorio plástico dun caramelo pode tardar entre 10 e 20 anos en degradarse.
Os mortos visítannos
Na noite do 31 de novembro, as portas do máis aló ábrense para que os mortos visiten o mundo dos vivos. Unha tradición que moitos pensan que chegou co que hoxe en día se coñece como Halloween, pero esta crenza é incerta. A súa orixe remóntase a hai máis de 3000 anos.
Samaín provén da palabra gaélica ‘Samhain’, que literalmente significa 'fin do verán'. É unha festa na que os celtas conmemoraban o cambio de estación (de verán a inverno), e que coincidía co final da tempada de colleita, dándose comezo a un novo ciclo. Críase que, durante esa noite, as almas dos defuntos volvían ao mundo dos vivos e, co fin de escorrentar aos espíritos malignos, os mortais utilizaban máscaras e disfraces, ao tempo deixaban alimentos nas portas das casas para contentar aos mortos. Igualmente, era habitual deixar o lume aceso e a mesa sen recoller despois da cea, por se as pantasmas entraban nos fogares.
Os investigadores aseguran que Halloween é unha variación do Samaín da cultura celta. Celebrábase principalmente en Irlanda, pero tamén noutros territorios, como é o caso de Galicia.
A chegada dos romanos e do cristianismo conseguiu que moitas destas tradicións celtas acabasen desaparecendo, dando paso así a outras festividades de carácter relixioso, como o Día de Todos os Santos.
Saúdos, Departamento de Comunicación