- Deben ser unifamiliares e dispoñer de terreo no que aplicar o compost resultante, pechando así o ciclo de recuperación da materia orgánica en orixe.
- Os composteiros subministrados gratuitamente por esta empresa pública, teñen capacidade para 390 litros e están fabricados con materiais reciclados e reciclables.
- Os veciños que, voluntariamente, se incorporen a esta iniciativa recibirán un curso de formación presencial a cargo de técnicos de Sogama.
- Persoal do concello será o encargado de facer un seguimento do programa.
Cerceda, a 9 de xullo de 2020.- Cerceda, concello coruñés no que se asenta a sede e infraestrutura industrial principal de Sogama, adheriuse ao programa de compostaxe doméstica impulsado por esta empresa pública a fin de propiciar a reciclaxe da materia orgánica en orixe e lograr así importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Nunha primeira fase, pasarán a formar parte desta iniciativa 150 vivendas, nas que se entregarán outros tantos composteiros de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, cedidos gratuitamente por Sogama.
Condición indispensable é que as vivendas que pasen a formar parte do programa sexan unifamiliares e conten con terreo (horta, xardín ou terra de cultivo) no que aplicar o compost resultante a fin de pechar o círculo de aproveitamento da materia orgánica en orixe, transformándoa nun fertilizante natural con excelentes propiedades para o solo.
A organización da operativa corre a cargo da área de Medio Ambiente do ente local, así como o seguimento da mesma. De forma complementaria, persoal de Sogama impartirá este mesmo mes un curso de formación presencial destinado aos veciños que, voluntariamente, queiran formar parte do proxecto a fin de explicarlles a técnica e procedemento a seguir: desde a propia ubicación do composteiro, que debe estar nunha zona sombreada, protexida e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que poden e non poden depositarse no mesmo e o control de parámetros tales como a temperatura, o osíxeno e a humidade.
Así mesmo, o encontro servirá para que os usuarios poidan consultar dúbidas e complementar os seus coñecementos.
Adicionalmente, teñen á súa disposición unha páxina web específica www.compostaconsogama.gal, na que atoparán información diversa e recursos divulgativos de reforzo.
A día de hoxe, un total de 250 entidades (entres concellos, centros educativos e colectivos sociais) atópanse adheridas ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, tendo repartido entre as mesmas preto de 14.000 composteiros.
Saúdos, Departamento de Comunicación