- Trátase dunha iniciativa impulsada por Sogama no marco da Semana Europea da Prevención de Residuos (do 16 ao 24 de novembro).
- Mañá, 19 de novembro, educadores ao servizo desta empresa pública desprazaranse ás dúas localidades lucenses para expoñer, trasladar e aconsellar sobre os comportamentos a adoptar en diferentes escenarios da vida cotiá para reducir a xeración de refugallos.
- Mentres que, durante a xornada de mañá, os monitores dedicaranse de cheo aos escolares dos centros educativos de Cervo, pola tarde viaxarán a Monforte, onde a sesión formativa estará orientada á veciñanza en xeral, celebrándose na Casa da Cultura, ás 18:00 horas.
Cerceda, a 18 de novembro de 2019.- Os concellos lucenses de Cervo e Monforte de Lemos adheríronse á campaña posta en marcha por parte de Sogama con motivo da celebración da Semana Europea da Prevención de Residuos (do 16 ao 24 de novembro).
Baixo o lema “Corta polo san! Reduce residuos”, esta empresa pública pretende trasladar á veciñanza de ambas as dúas localidades as boas prácticas no máximo aproveitamento dos produtos e na menor xeración de residuos, contribuíndo con isto a aforrar recursos, custos e emisións de CO2.
Con tal fin, os educadores de Sogama levarán a cabo mañá, 19 de novembro, sesións formativas nos dous municipios. Durante a xornada matutina, estarán nos centros escolares de primaria e o instituto de Cervo, onde atenderán a preto de 150 estudantes e, xa pola tarde, desprazaranse a Monforte de Lemos para impartir unha charla que se destinará á veciñanza en xeral, tendo lugar na Casa da Cultura, ás 18:00 horas.
Se ben as mensaxes adaptaranse ao perfil de cada colectivo, daranse a coñecer os comportamentos a adoptar para ser consecuentes cun consumo responsable e consciente, diminuíndo a produción de refugallos en diferentes ámbitos tales como a compra, o fogar, o traballo, a escola e o tempo de lecer
PEQUENOS XESTOS CON GRANDES BENEFICIOS
Pequenos xestos tales como priorizar a adquisición de produtos a granel e coa menor embalaxe posible, levar a bolsa de casa ao mercado, comprar só o necesario, ter en conta a data de caducidade e data de consumo preferente, e dar preferencia aos artigos locais e de tempada, poden representar unha gran axuda en materia de prevención.
A diminución do desperdicio alimentario resulta tamén prioritario, toda vez que o 42% da composición dunha bolsa de lixo tipo é materia orgánica. Neste sentido, tanto Cervo como Monforte de Lemos xa implantaron no seu momento senllos programas de compostaxe doméstica que permiten ás familias adscritas aos mesmos recuperar in situ os restos orgánicos xerados e transformalos en compost, un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o solo. Desta forma, péchase o círculo de reciclaxe da materia orgánica, converténdoa nun recurso e evitando que acabe depositada no contedor verde convencional.
As sesións formativas contemplarán coloquios e un espazo de interacción no que os asistentes terán a oportunidade de consultar dúbidas e facer propostas de mellora nunha cuestión primordial como é a correcta xestión dos residuos, que nos incumbe todos e en cuxa solución tamén debemos participar todos.
Tanto os escolares de Cervo como os veciños de Monforte serán obsequiados con diferente material didáctico, divulgativo e de merchandising.
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación