- Desde principios de mes, persoal ao servizo de desta empresa pública está a realizar visitas iniciais aos distintos colexios co fin de recoller datos e proceder á entrega dos medios materiais.
- Aqueles que dispoñen de servizo de comedor e contan con terreo no que aplicar o compost resultante (horta ou xardín), tamén reciben un composteiro para que poidan elaborar o seu propio compost.
- Tralas vacacións de Nadal, comezará un período de sesións formativas presenciais en cada centro, que terá continuidade con visitas de seguimento para comprobar a evolución dos proxectos.
- No seu momento, os colexios deberán presentar unha memoria final a través da aplicación informática do Plan Proxecta.
Cerceda, a 16 de decembro de 2019.- Os 25 centros de educación primaria adscritos ao programa “Recíclate con Sogama ” 2019-2020, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, xa contan cos medios materiais e didácticos para levar a cabo os seus respectivos proxectos.
Desde principios do presente mes de decembro, persoal ao servizo da Sociedade Galega do Medio Ambiente está efectuando as visitas iniciais a estes colexios co obxectivo de recoller os datos de partida en cada un deles e entregar a illa de reciclaxe, conformada por tres contedores de 120 litros de capacidade (amarelo, azul e verde) a fin de que a comunidade educativa deposite nos mesmos, e de forma segregada, os seus residuos. Ademais, aqueles que dispoñen de servizo de comedor e terreo (horta ou xardín), reciben tamén un composteiro co que teñen a oportunidade de pechar o círculo de reciclaxe da materia orgánica.
Igualmente, enviouse a todos eles, en soporte dixital, diversos recursos divulgativos de apoio. É o caso de presentacións, vídeos, xogos e unidades didácticas destinadas especificamente ao profesorado a fin de que este conte cos coñecementos necesarios para instruír ao alumnado en torno ao principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), esencial na xestión sostible dos residuos urbanos.
Tralas vacacións de Nadal, comezará un período de formación presencial. Para isto, educadores especializados desprazaranse a cada colexio para impartir sesións formativas e propiciar que os pequenos amplíen a súa bagaxe na materia e consulten todas as súas dúbidas.
Acto seguido realizaranse visitas de seguimento, tendo lugar a última cara ao mes de maio a fin de comprobar a evolución dos proxectos, así como a calidade do material depositado nos distintos contedores de recollida selectiva, un parámetro que se terá en conta na avaliación final.
No seu momento, os centros deberán presentar, a través da aplicación informática do Plan Proxecta, unha memoria final que será cualificada conxuntamente por representantes da Consellería de Educación e Sogama.
CENTROS SELECCIONADOS
Provincia da Coruña (4):
- CEIP Milladoiro, de Malpica de Bergantiños.
- CEIP Plurilingüe Unión Mugardesa, de Mugardos.
- CEIP de Ponzos, de Ferrol.
- CEIP Manuel Fraga Iribarne, de Agarimo.
Provincia de Pontevedra (13):
- CEIP Santo André de Xeve, de Pontevedra.
- CEIP Plurilingüe Paraixal, de Vigo
- CEIP Pérez Viondi, de A Estrada
- CEIP Plurilingüe Florida, de Sanxenxo
- CEIP de Fonte Escura, de Vigo
- CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro, de Vigo
- CEIP Plurilingüe Souto-Donas, de Gondomar
- CEIP Plurilingüe Javier Sensat, de Vigo
- CEP Santa Mariña, de Redondela
- CEIP Plurilingüe de Guillarei, de Tui
- CEIP San Tomé, de Cambados
- CEIP Virxe do Rocío, de Vigo
- CEIP Plurilingüe dá Carrasqueira, de Vigo
Provincia de Lugo (2):
- CEIP de Currelos, de O Saviñao
- CEIP Otero Pedrayo, de Rábade
Provincia de Ourense (6):
- CEIP Manuel Sueiro, de Ourense
- CEIP Bibei, de Viana do Bolo
- CEIP Plurilingüe Ribadavia, de Ribadavia
- CEIP Saco e Arce, de Toén
- CEIP Plurilingüe María Inmaculada, de Verín
- CEIP Virxe da Pena da Sela, de O Irixo
Saúdos, Departamento de Comunicación