- A autoría do traballo corresponde aos alumnos e alumnas de 3º curso de primaria baixo a coordinación da profesora Elisa Senra e a participación de pais e docentes.
- O proxecto enmarcouse na edición 2018-2019 do programa educativo “Recíclate con Sogama”.
- Co mesmo pretendíase crear conciencia da necesidade de apostar por un consumo saudable e responsable que faga posible cidades sostibles.
Cerceda, a 30 de xullo de 2019.- O colexio pontevedrés “Froebel”, un dos centros que participou na edición 2018-2019 do programa educativo “Recíclate con Sogama”, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, elaborou unha obra de arte con materiais de refugallo que, bautizada co título “A cidade da reciclaxe”, pretendía facerse eco da necesidade de aportar por un consumo saudable e responsable que permita garantir o benestar e calidade de vida das actuais e futuras xeracións.
O proxecto, coordinado pola profesora Elisa Senra Gesteira, e que contou coa colaboración doutros 17 docentes do colexio, tamén quixo implicar ás familias dos escolares para que tomasen conciencia da urxencia de poñer freo ás malas prácticas de usar e tirar, e apostar por fórmulas nas que prime o concepto de economía circular.
Os autores do traballo foron os alumnos e alumnas de 3º curso de primaria, en colaboración cos seus pais e profesores, utilizando materiais fóra de uso procedentes dos seus fogares: plásticos, briks, papel, cartón, envases de distintas tipoloxías, etc. E con todo isto recrearon a maqueta dunha cidade cos seus edificios, moito colorido, áreas de lecer e recreo, espazos axeitados para os transeúntes e que aposta por unha mobilidade sostible e baixas emisións de CO2.
Saúdos, Departamento de Comunicación