- A clave consiste en dobrar o consumo de froitas, vexetais, legumes e froitos secos, e reducir á metade o de carne e azucre.
- Os autores da mesma defenden que podería evitar 11 millóns de mortes prematuras ao ano por mala alimentación, conseguiría reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e preservaría a biodiversidade.
- Estimando que, para o ano 2050, a poboación mundial alcance os 10.000 millóns de persoas, a xuízo dos expertos, alimentalas de forma sa e sostible só será posible se se transforman os hábitos alimenticios, se mellora a produción e se reduce a cantidade de comida que acaba desperdiciada.
- Aseguran tamén que as dietas pobres e non saudables causan a día de hoxe máis mortes e enfermidades que o propio alcohol, o tabaco ou as drogas.
Cerceda, a 21 de xaneiro de 2019.- Tras dous anos de investigación, un grupo integrado por 37 científicos de 16 países deseñou unha dieta coa que se garante unha alimentación saudable e respectuosa co medio ambiente. A clave consiste en dobrar o consumo de froitas, vexetais, legumes e froitos secos, e reducir á metade o de carne e azucre.
Cunha base claramente vexetal, e tomando como referencia unha inxesta de 2.500 calorías ao día, o maior peso o levarían as verduras, os cereais, a froita, as patacas, o leite e lácteos, e os froitos secos, supoñendo a carne vermella tan só 14 gramos.
En días pasados, a revista The Lancet fíxose eco desta dieta, que en todo caso tería que adaptarse ás características de cada rexión. Os autores da mesma defenden que podería evitar 11 millóns de mortes prematuras ao ano por mala alimentación, conseguiría reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro, contribuíndo desta forma á loita contra o cambio climático, e preservaría a biodiversidade.
O profesor que codirixiu a investigación, Tim Lang, declarou, segundo recolleu Reuters, que “a comida que comemos e como a producimos determina a saúde da xente e o planeta, e estámolo facendo seriamente mal”.
TRANSFORMAR O MODELO
Cunha poboación mundial en continuo crecemento, prevese que para o ano 2050 esta alcance os 10.000 millóns de persoas, segundo apuntan os expertos. Alimentalas de forma sa e sostible só será posible se se transforman os hábitos alimenticios, se mellora a produción e se reduce a cantidade de comida que acaba desperdiciada.
Aseguran tamén os expertos que as dietas pobres (máis de 800 millóns de persoas non teñen suficiente comida) e non saudables causan a día de hoxe máis mortes e enfermidades que o propio alcohol, o tabaco ou as drogas. Moitas enfermidades crónicas que acurtan a esperanza de vida están relacionadas cunha mala alimentación.
Fonte: RTVE/REUTERS
Saúdos, Departamento de Comunicación