- O desembolso económico das familias en alimentación pode chegar a triplicarse nestas Festas, coa particularidade de que un terzo da comida que compramos acabará no cubo do lixo.
- Too Good To Go, a app que loita contra o desperdicio de alimentos, proporciona unha serie de claves para loitar contra o desperdicio alimentario, aforrar diñeiro e protexer o medio ambiente.
Cerceda, a 27 de decembro de 2019.- Calcúlase que, en Nadal, o gasto dos fogares españois increméntase ata un 20% respecto de calquera outro mes normal e o desembolso en alimentación pode chegar incluso a triplicarse. Non obstante, un terzo da comida que compramos acabará no cubo do lixo.
Oriol Reull, director de Too Good To Go en España —app que loita contra o desperdicio de alimentos— sinala ao respecto que “O Nadal non pode servir de escusa para tirar comida, senón que debe aproveitarse para concienciarnos aínda máis e consumir de xeito máis responsable”.
Con sinxelos consellos e pequenos cambios de hábitos, non só se pode diminuír o desperdicio alimentario, senón tamén aforrar diñeiro e protexer o medio ambiente. Too Good To Go proporciona as claves:
- Deseñar o menú en función do número de comensais, calculando as cantidades e ingredientes que precisamos adquirir.
- Planificar a compra, revisando previamente o que temos ou non na casa e facer unha lista do que necesitamos adquirir.
- ‘Se non che gusta, non o compres’. Ás veces adquírense produtos simplemente porque son típicos do Nadal aínda que non nos gusten. Hai que evitalos, e así non os teremos que tirar.
- Organizar a neveira e a despensa, dando saída aos produtos máis antigos en función da súa data de caducidade.
- Non improvisar e utilizar receitas para non correr o risco de equivocarnos e ter que tirar comida para volver empezar.
- Axustar as racións. É mellor repetir que poñer comida de máis no prato e que logo o que sobre acabe no lixo.
- Conservar e reaproveitar. Todo o que sobre convén distribuílo en recipientes herméticos e conservar na neveira ou o conxelador para consumir máis adiante. Tamén se pode reaproveitar e elaborar novas receitas coas sobras.
Desde CETT, Centro de Formación e Investigación en Turismo, Hotelaría e Gastronomía, tamén quixeron facer a súa achega para evitar o desperdicio de Nadal coas seguintes recomendacións:
- Non fixarnos só na aparencia. Que unha mazá sexa esteticamente perfecta non significa que sexa mellor, senón que, probablemente, foi tratada con máis produtos artificiais.
- Todo se pode aproveitar. Moitos dos produtos que usamos para cociñar son moi versátiles. Por iso, cando planificamos os menús, podemos pensar en pratos que nos sirvan para reaproveitar os alimentos en diferentes ocasións.
- A cociña tradicional como inspiración. A cociña tradicional está chea de receitas deliciosas de reaproveitamento, como é o caso das croquetas, as sopas, as cremas ou as ensaladas.
- Cociñar con consciencia. Escoller artigos de proximidade e optar por cociñar a base de alimentos de temporada, axudaranos a ser máis responsables coa contorna e a reducir o malgaste alimentario, á vez que diminuímos o noso gasto económico.
Fonte: diariodegastronomia.com
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación