- Trátase dunha práctica que está a funcionar de forma exitosa e que, ademais, ten un efecto simpatía que se vai estendendo aos poucos entre a veciñanza, achegando grandes beneficios.
- Os novos participantes tamén recibirán unha partida de 100 cubos marróns domiciliarios para transportar os restos orgánicos desde a vivenda ao composteiro, que debe colocarse no exterior da mesma, posibilitando que o proceso resulte máis cómodo.
Cerceda, a 21 de xaneiro de 2022.- Sogama subministra unha nova partida de 100 composteiros domésticos ao Concello de Coristanco (A Coruña) que, sumada a entregas anteriores, fan un total de 300 as familias que autoxestionan a materia orgánica. Unha práctica que está a funcionar de forma exitosa, que achega grandes beneficios, tanto ambientais como económicos e sociais, e que ten un efecto simpatía que se vai estendendo aos poucos entre a veciñanza.
A función dos composteiros, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, é posibilitar a fermentación controlada dos restos orgánicos para a súa transformación en compost, un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o solo e que se vén aplicando na agricultura e a xardinería.
Así mesmo, Sogama achegará 100 cubos marróns domiciliarios, con capacidade para 10 litros, para que os participantes poidan transportar de forma cómoda a súa materia orgánica ao composteiros, que en todo caso debe estar colocado no exterior da vivenda, nunha zona protexida e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos organismos descomponedores.
FORMACIÓN
Os usuarios recibirán tamén manuais didácticos nos que se describe a técnica a desenvolvere detállanse as pautas seguir para a obtención dun compost de alta calidade que cumpra con todos os requisitos esixidos pola normativa vixente.
Dado que o 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo é materia orgánica, se esta se recupera en orixe, evítase o seu depósito no contedor verde da fracción resto, diminuíndo desta forma a cantidade de residuos remitidos a Sogama para o seu tratamento final e, por suposto, o importe da correspondente factura.
Igualmente, Sogama ofreceu ao Concello a posibilidade de levar a cabo un novo curso de formación orientado ao cento de veciños que, en breve, se adentrarán nesta iniciativa. Ata o de agora, os técnicos da empresa pública impartiron 5 sesións formativas no Edificio Multiusos.
Persoal do Concello debe encargarse de facer o seguimento do programa para avaliar a súa acollida entre a poboación e comprobar se a operativa está a aplicarse correctamente.
A día de hoxe, Sogama repartiu, de forma gratuíta, máis de 18.000 composteiros en toda Galicia. Deste total, 5.057 distribuíronse na provincia da Coruña.
Saúdos, Departamento de Comunicación