- Os resultados do estudo que, baixo o título “Os españois e o medio ambiente en tempos do COVID-19”, promoveu Ecovidrio, apuntan a que máis do 93% dos enquisados propóñense facer un uso máis eficiente da auga e a enerxía, consumir de forma máis responsable ou reciclar todos os seus residuos.
Cerceda, a 15 de maio de 2020.- Coidar máis do medio ambiente e pensar máis nas persoas maiores son os principais desexos dos españois para unha sociedade post-Coronavirus. Así o afirmou máis do 97% dos enquisados no estudo ‘Os españois e o medio ambiente en tempos do Covid-19’, realizado por Ecovidrio da man da consultora GFK. Así mesmo, ao 97,3% gustaríalle que fósemos máis solidarios e, ao 96,4%, que nos axudásemos máis os uns aos outros.
Unha vez que volvamos á normalidade, o 93% dos cidadáns considera que coidar do medio ambiente será “importante ou moi importante”. Así, entre os obxectivos que se marcarán para ser máis sostibles, atópase facer un uso máis eficiente da auga e da enerxía (95,7%), consumir de forma máis responsable (94%) e reciclar todos os residuos (93,5%). Pola súa banda, o 75,4% formúlase reducir o uso do coche privado.
Os maiores de 45 anos demostraron ser a poboación máis comprometida coa reciclaxe, xa que o 95,4% afirma que “reciclará todos os residuos” unha vez que volvamos á normalidade, catro puntos por riba dos millennials e centennials (entre 18 e 34 anos).
ESTAR COS NOSOS E COA NATUREZA
En canto ao que máis botamos de menos durante o confinamento, o 90,3% asegura que foi estar cos seres queridos (familia e amigos) e tamén pasar máis tempo en contacto coa natureza. O 77,1%, viaxar, e o 61,2%, baixar ao bar para tomar algo.
Respecto aos principais propósitos dos españois tras a corentena, a gran maioría (o 87,2%) inclúe pasar máis tempo cos seus, mentres que o 73,4% menciona coidarse máis, xa sexa a través dunha alimentación sa ou a práctica de exercicio. O 45% sitúa o coidado do medio ambiente en cuarta posición, só por detrás de pasar máis tempo con familia e amigos, o benestar persoal e estar máis en contacto coa natureza.
Fonte e imaxe: Residuos Profesional