- A pretensión é trasladar ao alumnado as claves para que apliquen na súa vida cotiá o principio dos tres erres: reducindo a produción de refugallos en orixe, reutilizando os produtos o maior número de veces ata esgotar a súa vida útil e separando os materiais por tipoloxías para propiciar o seu posterior reciclado.
- Ademais de trasladar coñecementos, o obxectivo destas formacións é crear conciencia ao redor da importancia de ser parte activa na cadea da xestión sostible dos residuos municipais.
Cerceda, a 11 de outubro de 2022.- A escola infantil do municipio de Coirós (A Coruña), o IES San Tomé de Vigo (Pontevedra) e o CPI de Castroverde (Lugo), son os centros aos que viaxarán, os días 13 e 14 de outubro, os educadores de Sogama para impartir sesións formativas presenciais.
Aínda que con enfoques diferentes e recursos didácticos e divulgativos adaptados ás características de cada grupo, en todos os casos explicarase ao alumnado a problemática que, na actualidade, representa a elevada xeración de residuos municipais, así como o papel fundamental que pode e debe desempeñar a cidadanía para poñerlle coto e propiciar a recuperación dos refugallos que cada día xeramos nos fogares, centros de traballo e escolas.
Así, proporcionaranse as claves para que os escolares dos distintos niveis educativos apliquen na súa vida cotiá o principio dos tres erres, isto é, reducindo a produción de refugallos en orixe a través dun consumo racional e responsable; reutilizando os produtos o maior número de veces ata esgotar a súa vida útil; e separando os residuos por tipoloxías a fin de depositalos no contedor correspondente para propiciar o seu posterior reciclado, contribuíndo deste xeito ao aforro de enerxía e materias primas.
Ademais de trasladar coñecementos, o obxectivo destas formacións é crear conciencia ao redor da importancia de ser parte activa na cadea da xestión sostible dos residuos municipais conforme aos principios da economía circular, sendo o obxectivo último transformalos en recursos e abandonar a mala praxe de usar e tirar, propia dunha economía lineal.
Falarase tamén do desperdicio alimentario, toda vez que un terzo dos alimentos destinados ao consumo humano pérdense ou desperdícianse, co negativo impacto que isto supón para o medio ambiente, a economía e a sociedade. Así mesmo, deixarase constancia de distintas medidas para propiciar o máximo aproveitamento dos produtos co mínimo custo, evitando que estes acaben no cubo do lixo por esquecemento, deficiente conservación ou caducidade.
MÁIS RECICLAXE
A compostaxe da materia orgánica será outra das temáticas a abordar, abundando nas vantaxes desta técnica, tanto a nivel doméstico como industrial. Neste último caso, os concellos deben implantar o denominado quinto contedor, de cor marrón, destinado a acoller de forma diferenciada a materia orgánica que logo se tratará nunha planta de compostaxe para a súa transformación nun abono natural de calidade.
A pretensión é que, entre todos, contribuamos a dar debido cumprimento aos obxectivos de reciclaxe fixados pola Unión Europea para os próximos anos: 55% en 2025, 60% en 2030 e 65% en 2035.
Saúdos, Departamento de Comunicación