- Acadou este posto coa súa obra “Marnica”, inspirada no Guernica de Picasso, e coa que o centro pretendía denunciar a grave contaminación mariña por plásticos, así como alentar á cidadanía na loita por manter os nosos mares limpos e saudables.
- Coordinada pola profesora María do Rocío Paramá Arjones, o centro xestou, a partir de diferentes materiais de refugallo, un fermoso cadro de 180 x 80 cm no que cada figura ten o seu significado e simboloxía.
- O galardón consiste no financiamento dun autobús de 50-55 prazas para que os pequenos poidan viaxar a calquera lugar elixido dentro da comunidade galega, así como un diploma acreditativo.
- Canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, “Recíclate con Sogama” é un programa educativo a través do cal preténdese instaurar a reciclaxe nas aulas e promover unha xestión máis sostible dos residuos.
Cerceda, a 3 de xuño de 2019.- O CPR Plurilingüe Possumus de Vigo foi recoñecido co segundo premio do concurso escolar “Recíclate con Sogama”, cuxo obxecto era elaborar obras de arte a partir de materiais de refugallo, intentando con isto que os pequenos visualizasen o gran potencial que alberga o lixo e a posibilidade de transformalo en arte e beleza.
Coa súa obra “Marnica”, realizada baixo a coordinación da profesora María del Rocío Paramá Arjones, pretendíase denunciar a grave contaminación mariña por plásticos e alentar á cidadanía na loita por manter os nosos mares limpos e saudables. Tamén aportaron o seu gran de area á obra outros docentes tales como María Josefa Álvarez González, María del Mar Crespo Alfonso, José Carlos Freire Castroseiros e María Carmen Freire Castroseiros.
O traballo inspirouse na mensaxe que Picasso quixo transmitir co Guernica, pero cunha adaptación á degradación do medio mariño e as súas negativas consecuencias ambientais, económicas e sociais.
A ARTE DO REFUGALLO CON SIMBOLOXÍA
Para elaborar o “Marnica”, os pequenos empregaron plásticos, gomas, papeis, cartóns, envoltorios metalizados, anelas de latas, chapas de cervexa, culleres de usar e tirar, CDS, calcetíns, porexpán e un sinfín de refugallos, dando lugar a un fermoso cadro de 180 x 80 cm no que cada figura ten o seu significado e simboloxía.
Así, o peixe Touro evidencia a grandiosidade do mar, a súa beleza e magnitude; as luvas de goma, a urxente necesidade de que a humanidade colabore; o neno chorando, a conmoción pola morte dunha tartaruga como consecuencia da contaminación; a lámpada, o avance da ciencia, pero cun carácter insostible, sen prever as consecuencias ambientais; o cabaliño de mar cun garfo na boca, simboliza a pesca abusiva; a flor inspira a esperanza do cambio; o tubo contaminando, representa todo o que pode acabar no mar a través das redes de saneamento e o comportamento incivilizado da poboación; os peixes tristes, o malestar pola convivencia cos residuos; e, finalmente, o símbolo da reciclaxe e os tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), a verdadeira luz da salvación.
O galardón consiste no financiamento dun autobús de 50-55 prazas para que os pequenos poidan viaxar a calquera lugar elixido dentro da comunidade galega, así como un diploma acreditativo.
CALIDADE, CONCIENCIA AMBIENTAL E ESFORZO
A convocatoria dirixiuse aos 25 centros educativos de toda Galicia que participan no programa educativo “Recíclate con Sogama”, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia e cuxo obxectivo é instaurar a reciclaxe nas aulas e promover unha xestión máis sostible dos residuos a través dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
O xurado, presidido polo presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, estivo conformado por representantes desta empresa pública e da propia Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.
O primeiro premio foise para o colexio de Outes (A Coruña), coa súa obra “O mar vence ao plástico”, e o terceiro premio levouno o colexio de San Cosme de Barreiros (Lugo) cunha maqueta de Santo Estevo de Ermo.
Saúdos ,Departamento de Comunicación