- Así o manifestou o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, nun encontro dixital enmarcado nos Círculos AED e no que participaron directivos doutras compañías punteiras.
- Entre os proxectos acometidos por esta compañía pública, referiuse ás 3 novas plantas de biorresiduos que se ubicarán nas provincias de Pontevedra, Lugo e Ourense, así como á transformación de 5 microplantas en plantas de transferencia de maior capacidade e mellores prestacións.
Cerceda, a 5 de febreiro de 2021.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, participou, vía online, nun novo encontro enmarcado nos Círculos AED (Asociación Española de Directivos), e no que directivos de distintas compañías punteiras compartiron experiencias e vivencias enmarcadas na COVID-19, así como proxectos e iniciativas a desenvolver durante o ano 2021
O máximo responsable desta empresa pública puxo o acento na ampliación do Complexo Medioambiental de Cerceda coa posta en marcha dunha nova planta para a clasificación de materiais contidos na bolsa negra (ata 11 tipoloxías), que opera en liña coa industria 4.0, e a remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible.
Así mesmo, fixo fincapé no papel desempeñado por Sogama para xestionar axeitadamente os novos residuos de baixo risco derivados da pandemia tales como buzos, luvas e máscaras desbotables, así como asimilables.
Para isto, Sogama habilitou, nun tempo récord, unha liña de tratamento de refugallos sanitarios, independente á dos urbanos, acondicionando a partir dos mesmos un combustible CDR para ser valorizado enerxeticamente a temperaturas superiores a 850ºC, tal e como se contemplaba nas instrucións publicadas no seu momento polo Ministerio de Sanidade e o Ministerio para a Transición Ecolóxica.
2021: RECUPERACIÓN
Javier Domínguez quere ver 2021 con optimismo. “Afortunadamente, comezamos o ano con moitas iniciativas e, xa que logo, moitísimo traballo”, ao que engadiu que “A Covid non nos pode paralizar. O noso cometido é prestar un servizo público en Galicia, contribuír a dar resposta aos obxectivos europeos na xestión sostible dos residuos e a avanzar cara a un modelo de desenvolvemento baseado na economía circular”.
Referiuse así aos proxectos de construción, e posterior xestión, de tres plantas de biorresiduos, que complementarán as actuais e futuras, tanto públicas como privadas, a fin de poñer en valor a materia orgánica mediante a súa conversión en compost, ás que se destinará un investimento de 25 millóns de euros este exercicio. Ubicaranse nas provincias de Pontevedra (Vilanova de Arousa), Lugo (Cervo) e Ourense (zona sur).
Ademais de todo isto, a empresa transformará cinco microplantas (tres na provincia da Coruña e dúas na de Pontevedra) en plantas de transferencia de maior capacidade, mellorando o servizo aos concellos que fan uso das mesmas e que se traducirá en máis reciclaxe e menos emisións de CO2.
Domínguez Lino subliñou que, con todas as melloras introducidas nos últimos anos, esta compañía conseguiu situarse como a infraestrutura das súas características máis moderna e eficiente de Europa, así como punto de referencia para o resto do mundo.
Non obstante, e como instrumento de xestión ambiental dependente da Xunta de Galicia, quere ir máis aló e, cos proxectos abordados este ano, pretende dotar de maior sostibilidade ao seu cometido e axudar a Galicia a que cumpra as directrices establecidas por Europa en materia de residuos para os próximos anos.
“Ademais dos beneficios ambientais que trae consigo a xestión sostible dos residuos, queremos que esta actividade sexa tamén un importante nicho de emprego e fonte de riqueza para a nosa terra”, resolveu.
Saúdos, Departamento de Comunicación