- A partir de 2024, os dispositivos electrónicos portátiles terán que estar equipados cun porto de carga USB- C. Pola súa banda, os computadores portátiles terán de prazo ata 2026
- Estas normas traerán consigo un aforro de recursos e de CO2, á vez que permiten a innovación tecnolóxica
- O acordo alcanzado implica que se harmonizarán o porto de carga e a tecnoloxía de carga rápida, venderanse por separado os cargadores e os dispositivos electrónicos, os fabricantes terán que facilitar mellor información aos consumidores e prepararase o camiño para solucións de carga inalámbrica comúns
Cerceda, a 14 de xuño de 2022.- A Comisión acolleu con satisfacción o rápido acordo político provisional alcanzado entre o Parlamento Europeo e os Estados membros da UE en relación coa proposta sobre unha solución común de carga adoptada en setembro de 2021.
A partir de 2024, todos os novos teléfonos móbiles portátiles, tabletas, cámaras dixitais, videoconsolas portátiles, cascos, auriculares, altofalantes portátiles, lectores electrónicos, teclados, ratos, sistemas portátiles de navegación e miniauriculares terán que estar equipados cun porto de carga USB- C. Pola súa banda, os computadores portátiles terán de prazo ata 2026.
Aproveitando o poder do mercado único, as novas normas traerán consigo un aforro de recursos e de CO2, á vez que permiten a innovación tecnolóxica.
IMPLICACIÓNS
O acordo alcanzado polos colexisladores confirma e amplía a proposta da Comisión:
• Harmonizaranse o porto de carga e a tecnoloxía de carga rápida: para empezar, o USB- C será o porto común, o que permitirá aos consumidores cargar os seus dispositivos co mesmo cargador USB- C, independentemente da marca do dispositivo. Ao mesmo tempo, harmonizar a tecnoloxía de carga rápida axudará a evitar que os distintos fabricantes a limiten inxustificadamente e contribuirá a garantir que a velocidade de carga dun dispositivo sexa a mesma con calquera cargador compatible.
• Venderanse por separado os cargadores e os dispositivos electrónicos: os consumidores poderán adquirir un novo dispositivo electrónico sen un cargador novo. Con isto limitarase o número de cargadores non desexados adquiridos ou que quedan sen utilizar.
• Mellor información para os consumidores: os fabricantes terán que facilitar información pertinente sobre o rendemento de carga, a potencia requirida polo dispositivo e se admite carga rápida. Isto facilitará que os consumidores comproben se os cargadores que xa teñen cumpren os requisitos do seu novo dispositivo ou lles axudará a seleccionar un cargador compatible.
• Preparar o camiño para solucións de carga inalámbrica harmonizadas: dado que a tecnoloxía está a evolucionar rapidamente e. co fin de limitar unha posible fragmentación do mercado no futuro, a Comisión avaliará as diferentes tecnoloxías dispoñibles con vistas a unha posible harmonización máis adiante.
O acordo alcanzado tamén garante que as solucións de cargador común poidan implementarse sen demora, especialmente tendo en conta as solucións tecnolóxicas amplamente dispoñibles e o tempo suficiente que xa se concedeu á industria para adaptarse. Polo tanto, establécese un período transitorio de 24 meses a partir da adopción oficial coa pretensión de que o cargador común sexa unha realidade para todas as persoas, aplicable a todas as categorías de produtos incluídas no ámbito de aplicación, a excepción dos computadores portátiles, que se beneficiarán de 40 meses.
VANTAXES AMBIENTAIS E ECONÓMICAS
Cabe lembrar que, en 2020, vendéronse aproximadamente 420 millóns de teléfonos móbiles e outros dispositivos electrónicos portátiles na UE. Con todo, máis dun terzo dos consumidores afirma ter problemas debido á incompatibilidade dos cargadores no mercado, gastándose aproximadamente 2.400 millóns de euros anuais en cargadores independentes adicionais. Ao mesmo tempo, os cargadores eliminados e non utilizados son responsables dunhas 11.000 toneladas de residuos electrónicos cada ano.
A Comisión leva apoiando unha solución común de carga para teléfonos móbiles e dispositivos electrónicos similares desde 2009.
Fonte: Comisión Europea
Imaxe: Pixabay