- Os estados membros non lograron acordo en Busán sobre o que tería sido o primeiro instrumento global xuridicamente vinculante para poñer fin á contaminación por plásticos
Cerceda, a 9 de decembro de 2024.- A Comisión Europea lamenta “profundamente” que a quinta sesión do Comité Intergobernamental de Negociación sobre o Tratado Global de Plásticos concluíse sen acordo.
Logo de dous anos de negociacións e unha semana de conversacións en Busán (Corea do Sur), os estados membros da ONU non lograron chegar a un acordo sobre o que sería o primeiro instrumento global xuridicamente vinculante para poñer fin á contaminación por plásticos, polo que a sesión foi suspendida e as negociacións continuarán en 2025.
Neste marco, a UE fai un chamamento aos países que están obstruíndo o acordo a fin de que mostren máis ambición cando se renoven os preparativos para un novo proceso de negociación.
Recorda que a metade de todos os refugallos plásticos aínda continúan a ser enviados a vertedoiros e menos dunha quinta parte son reciclados, polo que se necesita unha resposta decisiva ante a crise global de contaminación. De non tomar medidas, a previsión é que os plásticos que se filtran ao medio ambiente se tripliquen en 2060, coa particularidade de que, para ese ano, e segundo a OCDE, case dous terzos dos refugallos de plástico serán en forma de artigos de curta duración tales como envases, produtos de baixo custo e téxtiles.
Falta de converxencia ao redor dos obxectivos do Tratado
Os principais puntos de diverxencia centráronse nun posible obxectivo de redución da produción de polímeros plásticos primarios, as prohibicións e restricións de elementos químicos preocupantes en produtos plásticos, así como aqueles problemáticos e evitables.
Neste sentido, os principais países produtores de petróleo e os da "Coalición de Alta Ambición", que inclúe á UE, o Reino Unido, Canadá, así como moitos países africanos, latinoamericanos e do Pacífico, non puideron chegar a un consenso.
Malia que non se alcanzou un acordo en Busán, o comité negociador logrou avances significativos ao elaborar un texto que debería servir de base para as negociacións doo próximo ano.
Paralelamente, os países seguirán traballando en accións nacionais para combater a contaminación por plásticos e as discusións proseguirán co fin de atopar un terreo común cara a un acordo global.
Fonte: Comisión Europea
Imaxe: Pixabay