- Considera que contribuirá en boa medida a materializar a ambición do Pacto Verde Europeo e a alcanzar os retos establecidos nas estratexias sobre biodiversidade e «Da Granxa á Mesa».
- Apunta a que resulta prioritario garantir que o sector dispoña dos instrumentos axeitados e dun marco legal consensuado e eficiente para lograr o obxectivo de destinar un 25 % das terras agrícolas á agricultura ecolóxica.
Cerceda, a 19 de outubro de 2020.- A Comisión Europea considera que a agricultura ecolóxica contribuirá en boa medida a materializar a ambición do Pacto Verde Europeo e a alcanzar os obxectivos establecidos nas estratexias sobre biodiversidade e «Da Granxa á Mesa». Entende que, para isto, resulta prioritario garantir que o sector dispoña dos instrumentos axeitados e dun marco legal consensuado e eficiente, claves para lograr o obxectivo de destinar un 25 % das terras agrícolas á agricultura ecolóxica.
Aínda que a nova normativa na materia proporciona unha base sólida, é preciso que a lexislación secundaria, pendente de adoptar, teña o mesmo grao de resiliencia. Desta forma, e a petición dos Estados membros, do Parlamento Europeo, de terceiros países e doutras partes interesadas, a Comisión propuxo aprazar un ano a entrada en vigor da nova lexislación, do 1 de xaneiro de 2021 ao 1 de xaneiro de 2022.
O futuro plan de acción sobre agricultura ecolóxica será un instrumento importante para acompañar o crecemento futuro do sector. A consulta pública que se puxo en marcha ten por obxecto recabar as opinións dos cidadáns, as autoridades nacionais e as partes interesadas.
O plan actuará desde tres ángulos distintos: estimulará a demanda de produtos ecolóxicos, conservando ao mesmo tempo a confianza dos consumidores; fomentará o incremento da superficie dedicada á agricultura ecolóxica na UE; e impulsará a contribución da produción ecolóxica á loita contra o cambio climático e a perda de biodiversidade, así como á xestión sostible dos recursos.A nova normativa está concibida para garantir unha competencia leal aos agricultores, previr a fraude e conservar a confianza dos consumidores.
No marco da estratexia de promoción agroalimentaria da UE, a Comisión ten previsto, para o ano 2021, asignar un orzamento específico de 40 millóns de euros á agricultura ecolóxica. Esta dotación económica servirá para financiar accións de promoción e campañas de información sobre o sector, divulgando as súas ucalidades con vistas a estimular a demanda.
A pretensión da agricultura ecolóxica é producir alimentos utilizando sustancias e procesos naturais, o que leva a métodos agrícolas cun impacto medioambiental limitado. Desta forma, fomenta o uso de recursos renovables derivados das explotacións agrícolas, a mellora dos ciclos biolóxicos dentro do sistema de explotación, o mantemento da biodiversidade, a protección dos equilibrios ecolóxicos rexionais, o mantemento e o aumento da fertilidade do solo e o uso responsable da auga.
Doutra banda, as normas da agricultura ecolóxica propician un alto nivel de benestar animal e obrigan aos agricultores a respectar os hábitos de conduta específicos dos animais.
Fonte: Comisión Europea
Imaxe: Pixabay