- Isto axudará aos consumidores a tomar decisións informadas e sostibles
- Os dispositivos producidos de acordo con estas regras aforrarán case un terzo do consumo de enerxía primaria destes produtos na actualidade, á vez que se optimizará o uso de materias primas críticas e facilitarase a súa reciclaxe
- Segundo o Regulamento de etiquetaxe enerxética proposta, teléfonos intelixentes e tabletas deberán mostrar información sobre a súa eficiencia enerxética, duración da batería, protección contra o po e a auga, e resistencia a caídas accidentais
Cerceda, a 31 de xullo de 2023.- En virtude do Regulamento de etiquetaxe enerxética da UE existente, a Comisión Europea propuxo o pasado mes de xuño novas regras para axudar aos consumidores a tomar decisións informadas e sostibles á hora de comprar teléfonos móbiles e inalámbricos e tabletas.
Esta nova proposta chegou o mesmo día da aprobación, por parte do Parlamento Europeo e o Consello, de medidas coas que posibilitar que estes dispositivos sexan máis eficientes enerxeticamente, duradeiros e fáciles de reparar, axudando a que a economía da UE sexa máis circular, a aforrar enerxía, a reducir a pegada de carbono, a apoiar modelos comerciais circulares e a brindar os beneficios do Pacto Verde Europeo aos consumidores.
Os teléfonos móbiles e tabletas producidos de acordo con estas regras aforrarán case 14 teravatios/hora en enerxía primaria cada ano para 2030, o que representa un terzo do consumo de enerxía primaria destes produtos na actualidade. Así mesmo, as novas regras tamén axudarán a optimizar o uso de materias primas críticas e facilitarán a súa reciclaxe.
Segundo o Regulamento de etiquetaxe enerxética proposta, os teléfonos intelixentes e as tabletas comercializados na UE deberán mostrar información sobre a súa eficiencia enerxética, duración da batería, protección contra o po e a auga, e resistencia a caídas accidentais.
Deseño ecolóxico: requisitos
O Regulamento sobre deseño ecolóxico establece os requisitos mínimos para os teléfonos móbiles e inalámbricos e as tabletas que se introducen no mercado da UE, incluíndo os seguintes parámetros:
- Resistencia a caídas ou rayones accidentais, protección contra o po e a auga e uso de baterías suficientemente duradeiras. As baterías deben soportar alomenos 800 ciclos de carga e descarga mantendo o 80% da súa capacidade inicial.
- Normas sobre desmontaxe e reparación, incluídas as obrigacións dos produtores de poñer ao dispor dos reparadores pezas de reposto críticas nun prazo de 5 a 10 días laborables e ata 7 anos despois do final das vendas do modelo do produto no mercado da UE.
- Dispoñibilidade de actualizacións do sistema operativo por períodos máis longos : durante alomenos 5 anos despois de que o produto fose posto no mercado.
- Acceso non discriminatorio para reparadores profesionais a calquera software ou firmware necesario para a substitución.
Fonte: Comisión Europea
Imaxe: Pexels