- Agárdase que isto reduza a liberación de microplásticos ata nun 74%, o que xerará ecosistemas máis limpos, contribuirá a que os ríos e océanos estean libres de plástico e reducirá os riscos potenciais para a saúde humana
Cerceda, a 16 de outubro de 2023.- Hoxe, a Comisión Europea propuxo por primeira vez medidas para previr a contaminación por microplásticos provocada pola liberación involuntaria de gránulos de plástico.
Cada ano libéranse ao medio ambiente entre 52.000 e 184.000 toneladas de granza debido a unha mala xestión ao longo de toda a cadea de subministración. Os microplásticos son persistentes, moi móbiles e difíciles de eliminar da natureza. Os gránulos de plástico atópanse na auga e o solo, incluídas as terras agrícolas, e danan os ecosistemas e a biodiversidade. Sábese que unha variedade de especies mariñas e costeiras, como tartarugas e aves mariñas, comen os gránulos e, unha vez inxeridos, poden causarlles dano físico ou mesmo a morte.
A proposta da CE ten como obxectivo garantir que todos os operadores que manipulan granza na UE adopten as medidas de prevención necesarias. Agárdase que isto reduza a liberación de microplásticos ata nun 74%, o que xerará ecosistemas máis limpos, contribuirá a que os ríos e océanos estean libres de plástico e reducirá os riscos potenciais para a saúde humana.
A Comisión propón que os operadores actúen segundo a seguinte orde de prioridade: prevención para evitar posibles derrames de gránulos; contención dos gránulos derramados para garantir que non contaminen o medio ambiente; e, como última opción, limpar despois dun evento de derrame ou perda.
A proposta inclúe:
- Mellores prácticas de manipulación para os operadores, dependendo do tamaño da instalación ou actividade de transporte.
- Certificación obrigatoria e autodeclaracións para axudar ás autoridades nacionais competentes a verificar o cumprimento. Os operadores máis grandes deben obter un certificado emitido por un terceiro independente, mentres que as empresas máis pequenas deben facer autodeclaracións da súa conformidade.
- Metodoloxía harmonizada para estimar as perdas e axudar aos operadores a abordar algunhas das lagoas de datos restantes.
- Requisitos máis flexibles para as PEME, especialmente aos micro e pequenos operadores.
A proposta da Comisión de Regulamento será debatida agora polo Parlamento Europeo e o Consello. Todos os operadores económicos, tanto da UE como de fóra da UE, deberán cumprir os requisitos establecidos no presente Regulamento nun prazo de 18 meses a partir da súa entrada en vigor.
Fonte: Comisión Europea
Imaxe: Freepik