- Esta empresa pública subministrou recentemente ao centro un composteiro de 400 litros de capacidade e fabricado con materiais reciclados e reciclables.
- A fin de explicar con detalle a utilización do recipiente e as vantaxes da compostaxe, os seus educadores impartirán o vindeiro luns, 25 de novembro, varias sesións formativas.
- No transcurso das mesmas tamén se abordarán outras cuestións de gran interese tales como o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), o desperdicio alimentario e a contaminación por plásticos.
Cerceda, a 21 de novembro de 2019.- O vindeiro luns, 25 de novembro, educadores de Sogama impartirán varias sesións formativas no IES de Catabois, en Ferrol, nas que se priorizará a autocompostaxe, se ben abordaranse outras temáticas de interese tales como o principio dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe), o desperdicio alimentario, a contaminación por plásticos e a loita contra o cambio climático.
Recentemente, e a petición do centro, a Sociedade Galega do Medio Ambiente entregou no mesmo un composteiro, de 400 litros de capacidade e fabricado con materiais reciclados e reciclables, a fin de que os restos de alimentos e vexetais sexan sometidos a un proceso de fermentación controlada que permitirá ao instituto obter un abono natural de alta calidade, pechando así o ciclo de recuperación da materia orgánica. Detallaranse os refugallos que deben e non deben ser depositados neste recipiente, así como a importancia do control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
EN CLAVE SOSTIBLE
A xornada complementarase con nocións básicas sobre o consumo responsable, a menor xeración de lixo, o alongamento da vida útil dos produtos e a correcta segregación dos mesmos, unha vez convertidos en residuos, para propiciar o seu reciclado, debendo utilizar de forma correcta os distintos contedores emprazados na vía pública.
Falarase tamén da actividade industrial de Sogama, cuxo cometido é propiciar a reciclaxe de todos os materiais susceptibles de ser recuperados por esta vía e valorizar enerxeticamente a fracción non reciclable, evitando con isto o seu vertido, a peor das opcións dado o seu negativo impacto sobre a contorna e a saúde.
A necesidade de diminuír o desperdicio alimentario, toda vez que un terzo dos alimentos que se producen no mundo para o consumo humano acaban refugados, e de descartar o desmedido consumo de plásticos de usar e tirar, constitúen temáticas que estarán dentro da axenda de traballo, así como as boas prácticas a levar a cabo cada día polos cidadáns para loitar contra o cambio climático.
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación