- O Concello solicitou a Sogama unha nova partida de composteiros para distribuír entre os veciños interesados e posibilitar así a valorización da materia orgánica nos propios fogares mediante a súa transformación en compost
- O obxectivo do ente local é aplicar o principio de proximidade no tratamento dos refugallos, evitando o seu depósito nos contedores convencionais, o que derivará nun aforro de custos
- Xunto cos recipientes, Sogama achegará tamén manuais didácticos de apoio para que os participantes dispoñan dunha guía que lles permita elaborar un abono de calidade
Cerceda, a 9 de agosto de 2023.- O Concello de Frades (A Coruña) apostou firmemente pola compostaxe doméstica como a mellor alternativa para tratar os residuos orgánicos producidos nos fogares e evitar o seu depósito nos contedores convencionais situados nas vías públicas.
Desta forma, o ente local quere promover o principio de proximidade na xestión dos refugallos, é dicir, que estes sexan tratados no propio lugar de xeración, pero dunha forma hixiénica, cómoda e eficiente. Con tal fin, Sogama proporcionará ao Concello, previa solicitude deste, 50 novos composteiros, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, para entregar noutras tantas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo (horta, xardín e/o terra de cultivo) no que aplicar o compost resultante, logrando así pechar o ciclo de reciclaxe e recuperación da materia orgánica.
Esta nova partida, sumada a outras anteriores, posibilitará que 150 fogares de Frades sexan autosuficientes e xestionen os seus residuos orgánicos. Dado que estes representan, na composición media dunha bolsa de lixo tipo, en torno ao 40%, se reciben tratamento nos propios domicilios, evítase a súa xestión en planta, diminuíndo custos.
Apoio didáctico
Xunto cos recipientes, Sogama tamén subministrará ao Concello de Frades manuais didácticos de apoio para que os veciños participantes dispoñan dunha guía que lles permita elaborar un compost de calidade. Na mesma detállanse os pasos a seguir: desde a propia localización do composteiro, que debe colocarse no exterior da vivenda, nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas, preferentemente baixo unha árbore de folla caduca e en contacto directo co solo para propiciar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que poden e non poden depositarse no mesmo.
Os usuarios deben mesturar de forma homoxénea a fracción húmida (restos de alimentos) e a fracción seca (restos vexetais), e controlar parámetros de gran importancia tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade. O resultado final será un abono natural e con extraordinarias propiedades fertilizantes para plantas e cultivos, pois, ademais de achegarlles nutrientes, protéxeos fronte a pragas e enfermidades.
A día de hoxe, Sogama repartiu preto de 21.000 composteiros entre 452 entidades (224 concellos, 196 centros educativos e 32 colectivos sociais), ademais de impartir cursos formativos específicos.
Toda a información en https://www.sogama.gal/compostaxe/gl
Saúdos, Departamento de Comunicación