- Sogama entregará ao concello, de forma gratuíta, igual número de composteiros, facendo un total de 66 as vivendas incorporadas a esta iniciativa.
- A pretensión do ente local é pechar o círculo de recuperación da materia orgánica en orixe e aforrar custos ambientais e económicos.
- Os usuarios recibirán manuais didácticos de apoio nos que se explica a operativa, podendo reforzar igualmente os seus coñecementos a través da web www.compostaconsogama.gal.
Cerceda, a 8 de xullo de 2020.- Tras unha exitosa primeira fase experimental, o concello de Tordoia (A Coruña) decidiu ampliar o seu programa de compostaxe doméstica a 25 novas vivendas, facendo un total de 66 os fogares que participan nesta iniciativa.
O ente local pretende recuperar así unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos restos orgánicos en orixe para alimento do gando e/ou conversión en compost, pero dunha forma máis cómoda e hixiénica. Para isto, Sogama subministrará nos próximos días, do mesmo xeito que fixera con anterioridade, unha nova partida de 25 composteiros, con capacidade para 390 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables.
Dado que a materia orgánica representa en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se se recicla en orixe, evítase o seu depósito no contedor verde convencional, co conseguinte aforro de custos ambientais e económicos.
O obxectivo do programa é pechar o ciclo de recuperación da materia orgánica e poñela en valor transformándoa nun fertilizante natural con excelentes propiedades para o solo e que actúa tamén como elemento protector fronte a pragas e enfermidades.
RECURSOS FORMATIVOS DE APOIO
A fin de que os usuarios poidan dispoñer de información sobre a técnica a aplicar e conseguir así un compost de alta calidade, recibirán manuais didácticos de apoio nos que se explica de forma pormenorizada a operativa: desde a propia localización do composteiro, que debe ubicarse nunha sombreada e protexida, ata a relación de materiais que poden e non poden ser depositados no mesmo, o control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade, e as aplicacións do abono resultante.
De forma complementaria, os participantes teñen á súa disposición o sitio web www.compostaconsogama.gal, a través do cal terán a oportunidade de acceder a recursos de interese tales como manuais, vídeos e xogos para enriquecer os seus coñecementos dunha forma amena e divertida.
A día de hoxe Sogama repartiu de forma gratuíta preto de 14.000 composteiros entre 350 entidades (concellos, centros educativos e colectivos sociais).
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación