
- Sogama remitiu ao ente local 25 composteiros e igual número de manuais didácticos para que os veciños participantes poidan levar a cabo, e con garantías, o proceso de autoxestión da súa materia orgánica
Cerceda, a 10 de abril de 2025.- O Concello ourensán de Taboadela tamén quere beneficiarse das vantaxes ambientais, económicas e sociais que trae consigo a compostaxe doméstica e, no marco dun acordo con Sogama, estende esta iniciativa a 25 novos fogares.
A empresa pública proporcionou ao ente local igual número de composteiros, así como manuais didácticos de apoio nos que se explica á veciñanza a operativa a seguir para obter un compost de alta calidade.
Así mesmo, a compañía púxose ao servizo do Concello para impartir un curso de formación presencial que estaría dirixido ás familias participantes nesta iniciativa, así como a calquera outro interesado na temática.
Se ben a autocompostaxe constitúe unha práctica arraigada no rural galego, o composteiro proporcionado dentro desta campaña posibilita que o proceso se desenvolva de forma máis cómoda, hixiénica e eficiente. Neste caso, a materia orgánica xerada polas familias xestiónase in situ, pechando o ciclo da súa recuperación no propio fogar ao transformarse nun abono natural que os usuarios utilizan nas súas propias hortas e cultivos, en substitución dos fertilizantes artificiais, xa que, ademais de achegar nutrientes ao solo, protéxeo fronte a pragas e enfermidades.
Dado que a fracción orgánica representa, no cómputo global dunha bolsa de lixo tipo, en torno ao 37-40%, a cantidade de residuos a depositar nos contedores de resto será moito menor, co conseguinte aforro económico para as arcas locais.
Saúdos, Departamento de Comunicación