- Educadores de Sogama desprazaranse a este centro mañá, 11 de decembro, para levar a cabo sesións formativas dirixidas ao profesorado e alumnado.
- Os tres erres, a actividade industrial de Sogama e a economía circular constituirán as temáticas estrela, abordando, no marco das mesmas, cuestións de gran relevancia tales como o desperdicio alimentario, a compostaxe e a contaminación mariña por plásticos.
Cerceda, a 10 de decembro de 2019.- A comunidade educativa do CEIP A Cristina de Carballo (A Coruña) quere avanzar cara Á sostibilidade e sabe que un dos alicerces fundamentais é a reciclaxe. É por isto que non dubidou en pedir a colaboración de Sogama para que os educadores desta entidade pública se despracen ao centro e impartan sesións formativas na materia.
Será mañá, 11 de decembro, e os destinatarios, o alumnado e profesorado de primaria, a quen se explicará con detalle as razóns polas cales os residuos representan un problema ambiental, económico e social, detallando os comportamentos e hábitos a adoptar pola poboación para minimizalo.
A clave está nos tres erres. Previr e reducir a produción de refugallos a través dun consumo responsable, alongar ao máximo a vida útil dos produtos reutilizándoos o maior número de veces posible e posibilitar a súa transformación en novas materias primas a través da reciclaxe, só posible se hai unha correcta separación en orixe.
É por isto que se recordará o que debe e non debe depositarse en cada un dos contedores de recollida selectiva: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; iglú verde, para envases de vidro; e contedor verde convencional, para a fracción resto.
Neste marco, explicarase a actividade industrial de Sogama, cuxo cometido se centra en dúas fraccións de lixo: bolsa amarela e bolsa negra. Respecto da primeira, selecciona os envases por tipoloxías para remitilos aos recicladores correspondentes e, en relación á segunda, tamén clasifica de forma automática os materiais reciclables contidos no lixo convencional e o resto transfórmao nun combustible CDR que lle permite xerar a electricidade equivalente ao consumo do 12% dos fogares galegos.
Coa ampliación do seu Complexo Medioambiental de Cerceda, que xa ten capacidade para tratar 1 millón de toneladas anuais, e a incorporación dunha nova planta concibida en liña coa industria 4.0, a compañía incrementará de forma substancial a súa achega á reciclaxe e minimizará o uso do vertedoiro, chegando o próximo ano ao vertido técnico cero.
No transcurso das sesións formativas, e contando con recursos pedagóxicos de apoio, abordaranse tamén outras cuestións de gran interese tales como os principios básicos da economía circular, cuxo fin é precisamente manter os produtos na economía o maior tempo posible, diminuíndo o consumo de recursos naturais e, por suposto, a xeración de residuos. Así mesmo, abordarase o desperdicio alimentario, a contaminación mariña por plásticos e a compostaxe da materia orgánica.
Saúdos, Departamento de Comunicación