
- Medio cento de escolares de sexto de primaria viaxaron a Cerceda para coñecer a infraestrutura industrial desta empresa pública e participar nunha xornada formativa sobre xestión sostible de residuos municipais
Cerceda, a 5 de marzo de 2025.- O Colexio Padres Escolapios de Monforte de Lemos (Lugo), todo un referente educativo no municipio e resto da comunidade, ademais de centro plenamente comprometido coa formación ambiental do seu alumnado, organizou unha visita ao Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña) para coñecer de preto o seu labor, infraestrutura industrial e actividades no ámbito didáctico e divulgativo.
Así, medio cento de escolares de 6º de Primaria desprazáronse á sede de Sogama para participar nunha xornada sobre xestión sostible de residuos municipios. Atendidos por técnicos especializados en educación ambiental, recibiron explicacións sobre a problemática que hoxe representa a alta produción de refugallos, a necesidade de implicar á cidadanía na súa xestión (dende que se producen ata que se depositan no contedor axeitado), o traballo que desenvolven os servizos municipais de recollida e transporte, así como o tratamento que reciben as distintas tipoloxías de refugallos, sendo competencia de Sogama a bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks), bolsa marrón (materia orgánica) e bolsa negra ou fracción resto, depositada no contedor xenérico.
Mentres que a materia orgánica trátase na planta de compostaxe máis próxima, os envases lixeiros e resto transpórtanse ata o complexo cercedense. Os primeiros sepáranse por tipoloxías para enviar aos centros recicladores e converterse así en novos produtos. A fracción resto tamén se somete a un proceso de clasificación a fin de “rescatar” aqueles materiais susceptibles de ser reciclados e que, por erro ou descoñecemento, foran depositados no contedor convencional. A partir dos non reciclables acondiciónase un combustible CDR que é valorizado enerxeticamente nunha planta termoeléctrica para producir enerxía eléctrica renovable. De feito, Sogama produce a electricidade suficiente para abastecer ao 12% dos fogares galegos. De non ser así, esta fracción acabaría en vertedoiro, a peor das opcións debido ao seu negativo impacto sobre o medio ambiente e a saúde pública.
Co obxectivo de que puidesen testear todo o explicado durante a sesión teórica, os escolares e docentes monfortinos efectuaron unha viaxe virtual, sendo equipados para isto con lentes inmersivos 360, que lles permitiu ver con detalle a operativa da infraestrutura industrial pola que discorre o residuo desde que entra en Sogama ata que sae convertido en recurso.
Como colofón, e para poder complementar coñecementos dunha forma lúdica, puideron divertirse e aprender coas máquinas de xogos Arcade, poñendo a proba a súa bagaxe na recollida selectiva e as súas habilidades no recoñecemento de residuos e contedor de destino.
Saúdos, Departamento de Comunicación