- Tras ser recibidos polo presidente da Sociedade, Javier Domínguez, realizaron unha visita virtual e outra a pé polas distintas plantas que conforman o Complexo cercedense a fin de comprobar o itinerario que seguen os residuos para ser tratados
Cerceda, a 30 de xaneiro de 2024.- Concelleiros de Medio Ambiente e Servizos dos Concellos pontevedreses de Poio e Valga, así como do coruñés de Carballo, acompañados por técnicos das súas áreas, visitaron recentemente o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda para coñecer in situ a súa operativa e identificar os erros máis comúns á hora de seleccionar os residuos en orixe por parte dos cidadáns.
Durante o percorrido guiado a pé que realizaron polas instalacións que integran esta infraestrutura, puideron observar a aínda importante cantidade de refugallos incorrectamente depositados no contedor xenérico (fracción resto), cando o seu destino debería ser o contedor amarelo, para envases de plástico, latas e briks; o azul, para papel e cartón; ou o iglú verde, para envases de vidro.
Tamén tomaron nota da confusión existente en torno ao contedor amarelo, xa que adoita identificarse pola poboación con todo tipo de plásticos, cando no mesmo unicamente deben introducirse envases e envoltorios de plástico, ademais de latas e briks.
Tras un encontro co presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, comprobaron o itinerario que seguen os residuos para ser tratados correctamente, ben mediante a súa reciclaxe, cando reúnen as características necesarias para isto, ben mediante a súa valorización enerxética, ou o que é o mesmo, a súa conversión en enerxía eléctrica, no caso da parte non reciclable.
Tamén tiveron a oportunidade de realizar unha visita virtual complementaria polas distintas plantas a través de lentes inmersivos 360º, permitíndolles visualizar estancias e recunchos inaccesibles nunha visita a pé e sumamente interesantes pola súa perspectiva e funcionalidade.
Como peche de xornada improvisouse un coloquio no que se abordaron temáticas que preocupan á meirante parte dos entes locais. É o caso da educación ambiental, as campañas de concienciación e sensibilización social ao redor da redución de residuos, a reutilización e a reciclaxe, e a importancia transcendental da colaboración cidadá para incrementar as taxas de reciclaxe municipais, tanto desde a dimensión ambiental como económica. Neste sentido, tamén se falou dos custos asociados ao servizo de recollida, transporte e tratamento dos residuos, e a necesidade de que sexan minorados para lograr unha maior sostibilidade.
Saúdos, Departamento de Comunicación