- O centro non dubidou en traballar a protección da contorna desde distintas perspectivas e contou igualmente co apoio de Sogama a través da impartición de sesións formativas dirixidas aos escolares de 3º, 4º e 5º de primaria.
- Os propios docentes tomaron as rendas da educación ambiental e puxeron en marcha un plan de acción que Xirou en torno á práctica diaria dOs tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe) como principio básico da sostibilidade.
- Neste marco, decidiron conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente por todo o alto, con actividades centradas na menor xeración de lixo, no máximo aproveitamento dos produtos e na transformación de residuos en recursos, tomando a economía circular como punto de referencia.
Cerceda, a 17 de xuño de 2019.- Educar e formar en medio ambiente converteuse nunha das prioridades para o CEIP Castelao de Rianxo (A Coruña) durante o presente curso académico que está a piques de concluír. E neste labor quixeron contar co apoio de Sogama. Así, a finais do pasado mes de abril, unha educadora ao servizo desta entidade pública, Catuxa Oviedo, desprazouse a este centro para impartir sesións formativas dirixidas ao alumnado de 3º, 4º e 5 de Primaria, entregando aos de infantil unha serie de libros protagonizados por Os Bolechas e cuxos contidos xiran en torno á xestión sostible dos residuos urbanos (correcta selección dos materiais a depositar no contedor amarelo, como producir menos refugallos en orixe e cal é o labor industrial que Sogama leva a cabo no seu complexo medioambiental de Cerceda).
A POLOS TRES ERRES
Trala visita de Catuxa, os propios docentes do centro tomaron as rendas e eles mesmos dedicáronse a dar charlas aos pequenos para abundar nas vantaxes do principio dos tres erres: como consumir de forma responsable, como xerar menos lixo, como alongar a vida útil dos produtos a través da reutilización, como clasificalos, unha vez convertidos en residuos, e cal debe ser o contedor de destino para cada un deles a fin de posibilitar o seu reciclado. O esforzo do profesorado enmarcábase xa na economía circular.
O DÍA DO MEDIO AMBIENTE: UNHA FESTA SOSTIBLE
E, co obxectivo de dar continuidade a todas estas accións, decidiron celebrar por todo o grande o Día do Medio Ambiente (5 de xuño) a través dun plan de acción que incluíu a distribución, entre o alumnado, de dípticos e chapas nas que se recordaba a importancia de poñer en práctica cada día os tres erres: Reducir, Reutilizar e Reciclar.
Ademais, baixo o lema “Separar para reciclar, ti sabes?”, desgranaron o que debe e non debe depositarse en cada un dos contedores habilitados nas vías públicas, recordando a función dos puntos limpos, os recipientes para pilas e os puntos SIGRE cos que contan as farmacias para depositar nos mesmos os envases e restos de medicamentos fóra de uso.
Un encomiable traballo que xa empezou a dar os seus froitos e que terá continuidade o próximo período académico para facer do CEIP Castelao de Rianxo un centro máis sostible.
Saúdos, Departamento de Comunicación