- Impartido a través do PLATEGA, co mesmo pretendíase que os docentes tomasen conciencia da importancia que ten a educación ambiental para que a sociedade sexa capaz de abandonar o caduco modelo lineal de desenvolvemento e transitar cara a un circular.
- Titorizado por dous técnicos de Sogama, o curso veu a evidenciar o gran interese, inquietude e excelente traballo que o profesorado está a levar a cabo na formación en materia ambiental, logrando introducila de forma transversal nas distintas disciplinas obxecto de estudo.
Cerceda, a 13 de abril de 2020.- A pesar do actual momento de crise sanitaria ao que nos enfrontamos e da carga de traballo que está a asumir o profesorado para continuar formando aos seus alumnos na distancia, os docentes de infantil e primaria que se inscribiron no curso online promovido por Sogama culmináronno de forma satisfactoria, en prazo e forma.
Baixo o título “A educación ambiental na economía circular”, este curso, con 30 horas lectivas, iniciouse o pasado 3 de febreiro e impartiuse a través do PLATEGA (Plataforma deTeleformación de Galicia). Con esta formación pretendíase que os docentes tomasen conciencia da importancia que ten a educación ambiental para que a sociedade consiga abandonar o caduco modelo lineal de producir, consumir e tirar, e transitar cara a un circular no que se prime o máximo aproveitamento dos produtos, a redución de residuos e a súa transformación en recursos.
Titorizado por dous técnicos de Sogama, esta actividade veu a evidenciar o gran interese, inquietude e excelente traballo que o profesorado está a levar cabo na formación en materia ambiental, logrando introducilade forma transversal nas distintas disciplinas obxecto de estudo.
A través dun temario no que se abordou, entre outras cuestións, a figura do educador ambiental, o consumo responsable, o papel das ecoescolas, o deseño de materiais didácticos ambientais e o cambio climático, os profesores deixaron constancia das súas preocupacións, os seus obxectivos e ata compartiron experiencias que desenvolveron nas aulas para que o respecto ao medio ambiente sexa interiorizado polos escolares e que, ao mesmo tempo, estes trasladen a mensaxe aos seus fogares e contorna social máis inmediata.
A avaliación do traballo de cada docente efectuouse a través de probas tipo test asociadas a cada tema, xunto cunha actividade didáctica final centrada na máxima que debe rexer a xestión sostible dos residuos: Reducir, Reutilizar e Reciclar.
Saúdos, Departamento de Comunicación