- Tamén se lles entregou o material didáctico de apoio para que poidan desenvolver os seus proxectos de reciclaxe con garantías
Cerceda, a 14 de decembro de 2023.- A finais do pasado mes de novembro concluíu a visita inicial aos 26 centros educativos que este curso académico participan no programa “Recíclate con Sogama”, así como a entrega das illas de reciclaxe coas que traballarán e que están integradas por catro contedores de recollida selectiva: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; xenérico, para a fracción resto; e marrón, e esta é a novidade sobre edicións anteriores, para a materia orgánica. A incorporación deste cuarto recipiente débese a que, antes do 31 de decembro de 2023, os concellos deben ter implantada a recollida diferenciada da materia orgánica, tendo habilitado Sogama unha rede de infraestruturas para a valorización deste residuo mediante a súa transformación en compost.
Esta primeira visita serviu para coñecer aos docentes coordinadores do programa en cada centro, a súa bagaxe no ámbito da xestión sostible dos residuos e os seus obxectivos para os próximos meses.
Tamén se remitiu aos colexios o material didáctico necesario para levar a cabo os proxectos (guías, vídeos, presentacións, etc). Así mesmo, o próximo mes de xaneiro, educadores de Sogama impartirán sesións formativas presenciais orientadas a dar visibilidade á problemática orixinada pola elevada produción de refugallos e a súa contribución ao cambio climático, así como a expoñer fórmulas para a súa xestión en orixe a través da aplicación práctica do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), tendo en conta que a colaboración dos cidadáns resulta clave para que os residuos poidan ser recuperados e convertidos en recursos.
Cara ao mes de marzo, os monitores realizarán unha segunda visita de seguimento para comprobar o estado dos proxectos en cada centro e, no mes de maio, realizarán xa a última visita na que incluirán a caracterización dos distintos contedores que conforman as illas para concluír o nivel de impropios en cada un, é dicir, os residuos que foron depositados de forma errónea. Os resultados destas caracterizacións computarán a efectos de avaliación.
A finais de curso, os centros deberán presentar as memorias dos traballos realizados a través da aplicación informática do Plan Proxecta para que sexan valoradas pola Consellería de Educación e Sogama.
Relación de centros participantes:
- Provincia de Pontevedra (10):
1. CEIP de Lourido (Poio)
2. CEIP Plurilingüe A Florida (Sanxenxo)
3. CEIP Valle Inclán (O Grove)
4. CEE de Vilagarcía de Arousa (Vilagarcía de Arousa)
5. CEIP Mestre Valverde Mayo (Mos)
6. CEIP de Atín-Cela (Mos)
7. CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro (Vigo)
8. CEIP Illas Cíes (Vigo)
9. CEIP Carlos Casares (Nigrán)
10. CEIP Marquesa do Pazo da Mercé (As Neves)
- Provincia de Lugo (5):
11. CEIP Luís Pimentel (Lugo)
12. CPI Plurilingüe Virxe do Monte (Cospeito)
13. CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán (Xove)
14. CEIP Plurilingüe Gregorio Sanz (Ribadeo)
15. CEIP Plurilingüe O Corgo (O Corgo)
- Provincia da Coruña (4):
16. CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira (Ferrol)
17. CPR Plurilingüe Santa Juana de Lestonnac (Ferrol)
18. CEIP Plurilingüe de Andrade (Pontedeume)
19. CPR Plurilingüe Compañía de María (Santiago)
- Provincia de Ourense (7):
20. CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro (Ourense)
21. CPR Plurilingüe Divina Pastora (Ourense)
22. CPR Plurilingüe Divina Pastora (O Barco de Valdeorras)
23. CEIP Manuel Respino (A Rúa)
24. CEIP Plurilingüe das Vendas da Barreira (Riós)
25. CPR Plurilingüe María Inmaculada (Verín)
26. CEIP Carlos Casares (Xinzo de Limia)
Saúdos, Departamento de Comunicación