- Se ben estaba prevista a súa celebración en novembro deste mesmo ano, en Glasgow, decidiuse aprazala debido á crise sanitaria do COVID-19.
- Non obstante, Reino Unido, na súa calidade de anfitrión, e en colaboración cos seus socios italianos, continuará a traballar con todos os involucrados para aumentar a acción climática, crear resiliencia e reducir as emisións.
Cerceda, a 23 de xuño de 2020.- A Mesa da Conferencia das Partes da CMNUCC (Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático), cuxa celebración estaba prevista para novembro de 2020, pospúxose con motivo do COVID-19 para o próximo ano. A previsión é que se leve a cabo en Glasgow os días 1 e 12 de novembro de 2021.
Con carácter previo, Reino Unido, na súa calidade de anfitrión, e en colaboración cos seus socios italianos, continuará a traballar con todos os involucrados para aumentar a acción climática, crear resiliencia e reducir as emisións.
A decisión sobre a nova data tivo lugar cando o Goberno do Reino Unido anunciou que máis de 25 expertos en múltiples sectores mundiais asesorarán á Presidencia da COP26, aglutinando así a experiencia de países de seis continentes, incluídos Francia, Barbados, Chad, Australia, India e Perú.
O Presidente da COP26 e Secretario de Estado do Departamento de Estratexia Comercial, Enerxética e Industrial, Alok Sharma, manifestou ao respecto que “Se ben nos centramos en combater a crise inmediata do Coronavirus, non debemos perder de vista os enormes desafíos do cambio climático”, ao que engadiu que “Os pasos que tomemos para reconstruír as nosas economías terán un profundo impacto na sostibilidade futura, a resiliencia das nosas sociedades e o benestar, polo que a COP26 pode ser un momento no que o mundo se sume a unha recuperación limpa e resistente.
Pola súa banda, o ministro italiano de Medio Ambiente, Protección da Terra e o Mar, Sergio Costa, deixou constancia da súa satisfacción por que as consultas coas Partes permitan acordar, de forma rápida e consensuada, novas datas para a COP26. “Entre agora e novembro de 2021 aproveitaremos todas as oportunidades internacionais para aumentar a ambición e a mobilización, incluíndo o G20, baixo a Presidencia italiana, e o G7, baixo a británica”.
Nesta mesma liña pronunciouse a Secretaria Executiva do Cambio Climático da ONU, Patricia Espinosa, quen indicou que os esforzos para abordar o cambio climático e o COVID-19 non son mutuamente excluíntes. “Se se fai ben, a recuperación da crise de COVID-19 pode levarnos a un camiño climático máis inclusivo e sostible”.
Fonte e imaxe: https://www.gov.uk/government/topical-events/cop26