- Así o manifestou Francisco López Valladares, presidente do CRAEGA, nunha entrevista recollida na Newsletter de Sogama correspondente ao pasado mes de decembro.
- Móstrase satisfeito coa evolución positiva da agricultura ecolóxica, na que Galicia xoga un importante papel, destacando especialmente en produción de lácteos e carne de polo.
- Non obstante, advirte da “picaresca” vinculada a este sector, de aí que aconselle fixarse no etiquetado dos produtos e comprobar que contan co selo dunha certificadora autorizada.
- Así mesmo, augura que o ecolóxico está chamado a converterse na táboa de salvación do rural galego, percibindo os mozos que poden rendibilizar as terras herdadas dos seus avós.
Cerceda, a 24 de xaneiro de 2020.- Nunha entrevista recollida no último número da Newsletter corporativa de Sogama correspondente ao ano 2019, o presidente do CRAEGA (Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia), Francisco López Valladares, enxalzou as múltiples bondades dos produtos ecolóxicos porque, tal e como manifestou, “Consumir ecolóxico significa compromiso co medio ambiente, co benestar animal, co desenvolvemento do rural e, por suposto, coa saúde”. En definitiva, compromiso coa sostibilidade.
Móstrase sumamente satisfeito coa evolución positiva da agricultura ecolóxica, así como con esa corrente global que nos devolve ás orixes a través de hábitos máis respectuosos coa contorna. Non obstante, advirte da “picaresca” vinculada ao auxe deste sector, recomendando fixarse no etiquetado dos produtos e comprobar se levan o selo dunha certificadora autorizada, sendo en Galicia o CRAEGA o único órgano competente de control na materia.
Neste sentido, explica que o selo garante que un produto superou os controis pertinentes realizados polos auditores do Consello e que, polo tanto, cumpre coa normativa europea. De aí que aconselle fuxir das denominacións “caseira”, “da horta” ou “natural”, toda vez que a garantía ecolóxica vén da man da certificación correspondente.
EN EXPANSIÓN
Desde o seu nacemento, en 1997, o CRAEGA creceu na súa globalidade, tanto desde o punto de vista da superficie certificada (33,736 ha) como do número de operadores (1.152) e volume de vendas (78,7 millóns de euros), liderando Galicia, no mapa estatal, a produción de leite ecolóxico, cunha facturación superior aos 26 millóns de euros, así como de carne de polo. Destaca tamén en manteiga ecolóxica, aglutinando a maior porcentaxe do que se produce en España, e aporta a metade da nata consumida a nivel nacional.
A valorización da materia orgánica tamén entrou de cheo no CRAEGA, contando para iso coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e Sogama.
Se ben constitúe unha práctica que forma parte da tradición rural, o certo é que non estaba moi presente entre as novas xeracións que traballan no campo. Dado que a produción vexetal representa case un terzo da actividade do Consello, o seu presidente recoñece que é unha aposta á que se pode sacar moito proveito.
Ademais da dimensión ambiental e de saúde, o ecolóxico, tal e como subliñou Francisco López, está chamado a converterse na táboa de salvación do rural galego, toda vez que os mozos xa están percibindo que poden sacar proveito ás terras que herdaron dos seus avós.
Saúdos, Departamento de Comunicación